Elisabeth Oliveira visibiliza con poesía as inxustizas sobre a muller

Ramón Ares Noal
X. NOAL RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O seu segundo poemario, Náufragas, veu a luz no 2019 e foi presentado en Ribeira, da man de Barbantia

13 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Náufragas no mar e na terra é a segunda obra literaria de Elisabeth Oliveira, despois de que no 2017 sacara do prelo Poesis. Este segundo poemario veu a luz no 2019, pero do mesmo xeito que a pandemia está desviando a atención doutras situacións que seguen a estar aí, na actualidade do mundo, tamén fixo que este volume fose presentado en Ribeira con certo retraso sobre a data prevista, que era a pasada primavera, cando o confinamento obrigou a deixalo todo para pecharnos na casa, incluso a actividade pública de Barbantia, que chega agora con toda a forza que a caracteriza.

Que Elisabeth Oliveira presentara esta segunda obra en Barbanza non é casual, porque ela mesma admite o seu apego a Ribeira, onde impartiu a docencia durante 11 anos, no instituto Leliadoura, e á que acode regularmente. Polo tanto, cando todo se confabula, como acostuma a suceder na actividade barbantiana, o éxito é seguro, e así foi na cita que tivo lugar no Centro Cultural Lustres Rivas.

A autora estivo arroupada polos integrantes de Barbantia Encarna Pego e Antonio Piñeiro, así como pola concelleira Mariola Sampedro. Os primeiros, axudárona a afondar na súa obra, e a autora axudou ao aforo a introducirse nela por medio dunha performance centrada na primeira parte de Náufragas no mar e na terra que está dedicada ás mulleres africanas que percorren desertos e cruzan os mares fuxindo da pobreza e da inxustiza, e moitas delas perden a vida no intento. Para autora, as vidas destas teñen moitas similitudes coa das mulleres que, na terra, con vítimas da violencia, das inxustizas, da discriminación. Por unhas e por outras loita Oliveira a través da escrita, porque ambas as dúas son náufragas no mar e no mundo que se considera moderno.

Elisabeth Oliveira emprega a poesía como denuncia, e máis aínda nestes tempos nos que semella que a violencia contra as mulleres e a inxustiza cos inmigrantes están solapadas polo covid-19, pese a que os problemas persisten, como se demostra cada vez que hai un crime machista ou danse sucesos como o desta semana na illa de Lesbos.

Detalle de Ayaso

O acto desenvolvido en Ribeira tivo momentos intensos e emocionantes, un dos más destacados deles foi cando o pintor Manuel Ayaso se achegou á autora para agasallala cun colgante co seu debuxo feito nun pano de mesa de papel e unha cuncha de mexillón pintada, detalle polo que Elisabeth Oliveira se declarou moi agradecida xa que lle ten unha gran admiración a Ayaso e á súa obra, ao que coñecía e seguía desde que pasou profesionalmente por Ribeira.

Dáse a circunstancia de que hai catro anos, a poeta tamén presentou en Ribeira Poesis, escrita en galego, francés, castelán e portugués, que foi froito de vinte anos de traballo literario, mentres que esta segunda é un compendio de dous anos e medio de poesía.