Agustín Agra abandona cinco anos de silencio con «Silencio»

Ramón Ares Noal
X. NOAL RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O autor, que foi presentado por Chus Blanco en nome da Asociación Barbantia, fixo un percorrido pola súa traxectoria literaria, así como pola de Antonio Piñeiro

27 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Moito silencio na presentación do último libro de Agustín Agra. Primeiro, porque rachaba cinco anos de silencio. Segundo, polo que inflúen no silencio as máscaras obrigatorias en actos nos que a comunicación é clave. Terceiro, polo titulo do libro, Silencio. E cuarto, polo tema co que Pablo Sax deu por finiquitado o acto, a peza 4’33’’ que fixo famosa o pianista John Cage en 1952 e que consiste en non tocar o instrumento nese espazo de tempo, sendo os ruídos que se perciben a obra en si, e a mensaxe de que, realmente, o silencio non existe 

Pero Silencio de Agustín Agra existe, é tanxible, un traballo que, segundo Antonio Piñeiro, é digno de felicitar ata a fartura, como fixo o profesor, escritor e editor barbancés á hora de referirse ao autor e á súa obra. Piñeiro gabou especialmente que Agra conseguira fuxir do habitual: «É unha novela diferente, magnífica, non é convencional, mantén o pulo e a tensión». Piñeiro foi moi crítico coa arte actual: «Caeu en banalidades. O mesmo pasa coa literatura, con iso que chaman best seller, que teñen lugares comúns, tópicos e tramas que sabemos de antemán por onde van ir».

O profesor asegurou que no seu novo libro Agustín Agra fuxe de todo iso que vén encher un baleiro: «Trátase dun conxunto de relatos que parecen separados, pero non o están».

O autor, que foi presentado por Chus Blanco en nome da Asociación Barbantia, fixo un percorrido pola súa traxectoria literaria, así como pola de Piñeiro. Sinalou, coma orixe do seu traballo, a súa admiración por Alexander von Humboldt, do que rebelou que foi o primeiro en falar do cambio climático, e precisamente este novo libro quixo ser unha novela sobre o propio Humboldt, de quen dixo que escribiu ata o último día da súa vida. En canto a Silencio, explicou que ten moitos niveis de lectura, pero, dada a condición de biólogo do propio autor, repartiuna como un corpo animal: esqueleto, músculos e vísceras.  

Libre pensamento

Porén, Agra detallou que Silencio non é un libro de ciencia nin de filosofía, e reivindica o papel do libre pensamento e a propia muller no mundo da ciencia: «Intentei contarme o mundo a min mesmo e tiven moi presente ao meu alumnado», engadiu antes de dar pé a unha listaxe de agradecementos.

Pechou o acto mensual da Asociación Cultural Barbantia o alcalde de Noia, Santiago Freire, que pediu a Agustín Agra que non espere outros cinco anos a sacar unha nova obra, convidou aos presentes a ler Silencio e agradeceu que cumpriran as normas de seguridade sanitaria.