Ninguén nos desvelou o segredo que garda o nome de Ariete a un fenómeno descuberto por un enxeñeiro ruso chamado Zhukovski, e moita xente nin sequera escoitou falar do primeiro agás en termos militares ou de fútbol. O caso é que ese fenómeno é o que se produce nas tubaxes cando pechamos de súpeto unha válvula ou billa reducindo bruscamente a súa velocidade e aumentando a presión sobre as paredes, con risco de avaría por reventón nos puntos máis débiles. Cando as billas pechaban xirando no sentido das agullas do reloxo, íase diminuíndo esa velocidade paseniño, sen brusquedade, pero dende que apareceron as billas monomando, a maior parte da xente péchaas dun golpe súbito, podéndose producir o golpe de Ariete, coas consecuencias xa expresadas.
Cando lle venden un coche, explícanlle polo miúdo cada unha das súas funcións e precaucións, pero os que venden vivendas non o fan, como tampouco lle din que hai que purgar os radiadores, limpar os canalóns periodicamente. Nin lle indican onde están as chaves de corte de auga, xerais e particulares de cada local húmido, nin como tratar a madeira ou como ventilar optimamente sen perder a eficiencia. Polo que observo, nin sabemos subir e baixar persianas, nin optimizar a iluminación interior. Nin nos entregan o libro de mantemento nin o lemos. Algo que si facemos cos coches, o que dá que pensar.
Algúns vendedores nin o saben, pero o mantemento das vivendas é tan importante como a boa calidade dos produtos. É unha materia pendente no sector, cando a profesionalización debe ser maior porque a eficiencia vai sendo un dos piares do futuro.