Alfredo López, biólogo do Cemma: «Non interpretamos que as candorcas teñan comportamentos agresivos»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Recoñece que os contactos cos barcos poden derivar en situacións de perigo

01 nov 2020 . Actualizado a las 14:11 h.

Cetáceos de diferentes especies volveron o pasado verán a visitar o litoral de Barbanza e a Costa da Morte. Golfiños comúns e arroases constituíron de novo un atractivo visual para bañistas e mariñeiros. Algúns deles, como o chamado Confi ou Manoliño, un exemplar solitario, obrigaron a activar protocolos de actuación para evitar condutas humanas que os prexudicaran. Pero as candorcas foron as que deron máis que falar, polos supostos ataques a embarcacións. O biólogo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) Alfredo López búscalle explicación a todos estes fenómenos.

-Foi este verán maior a presenza de cetáceos nas costas galegas?

-Quizais se falou máis deles, pero non houbo máis ca en anos pasados ou polo menos non hai nada que nos indique iso. En canto á arroases, a ría de Arousa é a que ten un maior número, pero son animais que se están movendo continuamente en mandas de entre 15 e 20. A poboación de arroases mantense estable, pero é unha estabilidade falsa, pois hai a mesma cantidade de nacementos que de mortes cada ano, o que significa que se por algún motivo chegara a incrementarse a mortalidade xa se vería reducida esa poboación.

-E na poboación de golfiños, houbo cambios?

-A oscilación nos golfiños comúns é maior, aínda que nos últimos veráns non se marcharon de Galicia como facían antes, por iso pode dar a impresión de que hai máis. Ocorre o mesmo coas baleas, probablemente porque perderon os seus lugares de alimentación habituais e veñen pola riqueza biolóxica das rías galegas. É unha opción que estamos estudando.

-Sorprendeu o caso de Manoliño...

-Son casos raros, pero xa se teñen dado outros. Son exemplares que posiblemente foron expulsados da súa manda e non atopan outra. O problema é que buscan compañía e son eles os que se achegan aos mariscadores e aos bañistas.

-Cales son as pautas de actuación a seguir?

-A lexislación vixente xa recolle que, diante dunha manda, non se deben perseguir, nin aproximarse a eles por diante ou por detrás, ten que ser sempre lateralmente e nunca a menos de 300 metros. Pero na normativa non aparece o caso dos golfiños solitarios. Con eles hai que manter a máxima indiferenza posible e evitar sempre o contacto físico, pois podemos producirlle dano físico e tamén pode haber unha transmisión de enfermidades. Ademais, eses achegamentos poden alterar a súa conduta.

-Como interpreta os ataques das candorcas?

-As candorcas están tendo un comportamento que nunca antes fora rexistrado. Eses ataques son interaccións que os animais fan coas embarcacións e que nalgúns casos acaban con roturas das partes febles dos motores, pero non todos os contactos teñen este desenlace, só un 11 %. Cada vez que aparece unha candorca non é sinónimo de barco esnaquizado.

-Considera entón que os ataques son involuntarios?

-Involuntarios tampouco, porque está claro que elas achéganse aos barcos coa intención de tocalos, empurradas polo feito de que eses contactos provocan que o barco se mova. Agora, as roturas soen producirse en embarcacións con temóns febles.

-Poden entón producirse situacións de risco?

-Si, e xa se produciron, cando os danos nos barcos foron de noite e en puntos afastados da costa. Non interpretamos que as candorcas teñan comportamentos agresivos, pero algún golpe nos barcos pode ser perigoso.

-Por que este ano houbo máis incidentes deste tipo nas costas galegas?

-Estamos traballando niso, pode que sexa un comportamento autoinducido ou ben que tiveran sufrido danos cun barco, pero só son hipóteses. O que si confirmamos son cambios con respecto ás rutas que viñan facendo en anos anteriores. Antes movíanse de sur a norte e ninguén sabía onde pasaban o inverno. Nas costas galegas estaban unha ou dúas semanas, cando ían en dirección norte. Este ano foron cara o norte, pero despois algunhas volveron ao sur. Esta semana había un grupo en Estaca de Bares e outro en Portugal. Cremos que se están aquí é porque buscan alimento.