Presentou o seu libro «O paraíso dos inocentes», que fala da odisea dos refuxiados e ten o país árabe como un dos escenarios
31 oct 2020 . Actualizado a las 13:09 h.O propio escritor da Limia afincado en Barbanza sinalaba na presentación da súa nova novela O paraíso dos inocentes, que ben puido escribir do seu Xinzo e de cuestións da súa vida, como xa ten feito, por exemplo, en Casas baratas, o que probablemente lle sería máis fácil, pero quixeron as circunstancias que optara por un espazo máis complicado e por un contido que lle deu máis traballo para facer realidade un libro que vén de acadar o Torrente Ballester 2019. Este premio súmase ao feixe de galardóns que balizan unha traxectoria literaria ao alcance de moi poucos creadores galegos, que fai bandeira da nosa lingua, non en van é a base das súas obras; e que transmite sentimentos que trata de imbuír no lector.
Con estas alforxas presentouse Antón Riveiro Coello na Estación Leñaverde de Boiro, no acto mensual da Asociación Cultural Barbantia que tiña unha segunda motivación, a celebración do Días das Letras Galegas, adiada do mes de maio a causa do confinamento. Xunto ao escritor, María Xesús Blanco e Xesús Laíño, compañeiros de filas barbantianas e coñecedores da súa obra; e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, ante un público respectuoso coas normas anticovid e ávido de achegarse á novela e escoitar a un escritor que engaiola tanto coa letra dos seus libros como coa súa palabra, sempre sinxela e amena.
María Xesús Blanco, despois de sinalar que O paraíso dos inocentes é unha obra necesaria porque fai reflexionar sobre moitas cousas que lemos cada día de refuxiados e a súa odisea para chegar a Europa e sobre o que pasa ao noso redor, preguntou a Riveiro por que elixiu Siria como escenario. O escritor respondeu que foron un cúmulo de coincidencias e a súa crenza de que a literatura ten que servir para interpretar o mundo.
Explicou que no 2016 foron el e a súa dona de viaxe a Bruxelas para ver á súa filla e unhas horas despois de que pasaran polo aeroporto producíronse os atentados atribuídos ao estado Islámico: «Estivemos varios días sen poder contactar coa nosa filla. A situación fíxome pensar, poñerme no lugar dos mortos, e concluín que todos estamos no foco do terrorismo, polo que decidín facer unha novela sobre terrorismo, pero como os feitos estaban relacionados cos refuxiados, acabei tirando por aí».
Testemuñas vivas
Riveiro Coello afirmou que se puxo en contacto con refuxiados residentes en Holanda que lle contaron as súas odiseas. Uns deles, unha parella á que lle dedica o libro, pero da que tapa os seus apelidos porque el fuxiu de Siria escapando da súa incorporación ao exército, polo que se trata de un desertor.
Laíño, pola súa banda, sinalou que en O paraíso dos inocentes hai unha trama complexa na que abondan voces diferentes, polo que preguntou a Antón Riveiro se non podía ser máis directa.
O autor afirmou que xa noutras obras empregou estruturas iguais, nas que incluso coincide a guerra como pano de fondo. Manifestou que son os personaxes os que contan as cousas de Siria, como Amira, que trata de informar ao mundo do que está a ocorrer; ou Isam, un químico que traballa para o réxime, pero que decide fuxir a Europa. Voces diferentes que conflúen nunha trama que, segundo María Xesús Blanco, non llo pon fácil ao lector, que ten que seguila moi atento para non perder o fío.
Antón Riveiro desvelou como tivo que facer para extraer o percorrido que fai o refuxiado na súa odisea para chegar a Europa «a través da ferramenta de Google Earth explicándome o refuxiado, no seu pobre inglés, por onde pasara. Algún sirio que lea a obra vai darse conta de que o mapa non se atén estritamente á realidade, porque na Rede está ensombrecido por ser territorio de guerra», detallou o escritor.
Riveiro confesou que a súa nova obra pretende, así mesmo, ser un recoñecemento á xente que soñou coa revolución da primavera árabe e que acabou enganada a sometida a organizacións radicais, que incluso sufriu os rigores dos ataques internacionais cando occidente se decatou do que estaba a ocorrer a partir de que o ISIS degolase a xornalistas e organizase atentados como o do aeroporto de Bruxelas. Ademais, sinalou que na obra non esconde o sufrimento dos sirios, porque só así se pode espertar a sensibilidade para acadar a solidariedade cos pobos oprimidos.
Pechou o acto o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, felicitando a Antón Riveiro pola súa obra; e a Barbantia, polo seu activismo cultural; e unha intervención da escola de ballet Cen Pliés.