Auga a presión

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

03 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez que vexo a alguén chorreando a pedra da súa casa con auga a presión danme calafríos e gañas de explicarlle que está estragando a fachada. Recomendarlle que a máquina hidrolimpadora a deixe para lavar o coche ou quitar pinturas vellas en paredes de cemento. Cando se fai nun ben patrimonial -unha igrexa, cruceiro ou hórreo- hai que dar conta á Dirección Xeral de Patrimonio, porque está prohibido facelo.

O granito galego ten tres compoñentes: seixo, feldespato e mica. Todos o estudamos na escola, e non é difícil distinguilos na pedra. Dous deles -o feldespato e a mica- son moi débiles e rebentan cando se expoñen a un axente agresivo, como a auga a alta presión ou o chorreo de area.

Cada vez que algún elemento externo intervén contra eses elementos, prodúcese unha distribución do equilibrio global do material, e abre novas vías de entrada de auga, po ou pequenas sementes vexetais que viaxan no vento. E acelérase a súa degradación e envellecemento.

Hai que ser moi cauteloso coa limpeza da pedra, contar sempre cun experto (restaurador profesional ou arquitecto experto en restauración) e analizar cal é o procedemento menos agresivo para a limpeza, se é que é imprescindible -en caso de pintadas- .

Non debemos quitarlle os liques que cobren as feridas da pedra, son arqueoloxía botánica asociada á idade do inmoble. Polo resto, o máis acaído é a limpeza con cepillo de pelo ou fíos, con auga sen presión, a dunha mangueira caendo. En determinados casos - pintadas- talvez sexa necesario empregar o láser ou a proxección de microesferas de goma a baixa presión.