O bidé

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

17 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre me fascinou este artefacto doméstico que hai corenta anos era símbolo de distinción nos novos fogares galegos. Moita xente se pregunta cal é a súa función lóxica, e cando indagas danche versións distintas, como a de lavar os pés. A súa orixe non parece moi clara: algúns autores falan de Francia como país de procedencia, e o nome deriva da palabra francesa bidet (montar a cabalo) e moitos incluso o escriben así. Din que foi un invento do século XVIII para o aseo persoal das mulleres da nobreza, tralo sexo. Pero en Francia non se ven bidés nas casas na actualidade.

Por outra banda, a referencia escrita máis antiga do bidé sitúase na Italia de 1726, como pedido de María Carolina de Austria para o seu baño do Pazo Real de Caserta, e foi en Italia onde se puxo de moda, que foi exportada a Arxentina, onde o consideran un elemento de orgullo nacional, e é obrigatoria a súa colocación en todas as vivendas.

É un elemento plástico tan atractivo que ata se pode ver en distintos museos do mundo, como Museo Histórico Rexional de Bos Aires, pero tamén en museos contemporáneos, por ser motivo de inspiración de artistas contemporáneos. Tanto é así que o afamado artista coruñés Enrique Tenreiro -o que debuxou unha pomba na tumba do Valle dos Caídos- colocou un bidé na porta da súa casa de Oleiros, xustamente enriba da entrada.

O propio Marcel Duchamp -autor da famosa fonte en forma de urinario- sentía fascinación polos bidés, aínda que nunca se atreveu a construír un, pero parece que o tiña en mente. Namentres non se aclare a súa función, que cada quen o use como queira.