Asistimos recentemente a episodios de vandalismo contra o patrimonio milenario, tanto de índole institucional como de zapatilla. As redes escandalizaron aos amantes da arqueoloxía coa carreira pedestre sobre os muros do Trega, e tamén polos castros que coa escusa de «poñelos en valor» convértenos en parques temáticos. Pasou na provincia de Pontevedra, e baixo o auspicio das institucións oficiais, abarcan un total de catorce xacementos dos máis importantes da provincia. Na Costa da Morte temos o exemplo de Dombate, cuxa musealización desvirtúa o contexto no que se atopou, que loce integramente no caso de Axeitos, que se pode gozar na súa contorna natural.
Á parte do vandalismo institucional, cada semana asistimos a actos cometidos por axentes de zapatilla, e refírome ás mans pintadas dos petróglifos rianxeiros ou ás pintadas atopadas en outros xacementos, ou mesmo retoques con xiz -que os arqueólogos non recomendan-.
A súa visibilización masiva, ben a través dos axentes turísticos, ben os propios concellos que promoven o seu coñecemento, ben particulares que os publican nas redes, é un cóctel explosivo coas carencias de educación do pobo contemporáneo. A nosa relación coa historia materialízase en banais autorretratos ou en tropelías infantís de mal gusto, descoñecendo o dano que podemos provocarlles.
Cos novos sistemas de xeoradar e outras técnicas para coñecer o que está baixo terra, podemos gozar da historia sen escavar os xacementos e namentres non haxa xeracións máis conscientes, será mellor deixalos cubertos e estudalos coas novas tecnoloxías.