A cultura foi unha das grandes damnificadas deste dramático ano 2020 que agora remata, o peor dos que coñecemos os que estamos vivos. Aínda que moitos tipos de cultura poden ser consumidos a distancia e mediante dispositivos electrónicos, o máis salientable deste eido gózase en vivo e en directo. Porque a cultura é un feito colectivo, no que interveñen as emocións, os vínculos e a complicidade. Sen estes factores, o consumir convértese en protagonista por riba de compartir, e o feito cultural semella non estar completo.
Moitos proxectos culturais previstos para este ano quedaron no tinteiro. Á marxe do vendaval do Xacobeo, centos de exposicións, congresos, rutas, encontros, concertos, tiveron que ser suspendidos por preservar a saúde, pero tamén porque a cultura hai que gozala de xeito relaxado e en silencio. Foi un ano demoledor para a cultura, e foino tamén para o patrimonio cultural e natural, porque os depredadores territoriais e os espoliadores non foron confinados como foron os inspectores encargados de levantar actas, tamén os observadores do territorio, a xente do pobo.
Houbo meses nos que os intrépidos madeireiros arrasaron carballeiras e soutos sen control ningún, porque os veciños das aldeas próximas e os da Xunta estaban confinados. Houbo meses nos que os desmontadores de pedras deambularon ceibos entre aldeas abandonadas espoliando o que nos pertence a todos, porque non había a quen recorrer: os funcionarios teletraballaban e sen autorización de saída. Incautos de nós, non soubemos ver esa ameaza, obnubilados polas novas sobre a pandemia.