Entre o medo e o risco

BARBANZA

xzv<

02 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa está aquí un novo ano e coma todo o novo cargado de bos desexos e esperanzas, pero iso aínda non arredou o medo que nos deixou no corpo a dura experiencia pasada. E aquí non vale de nada ser dos da media botella chea ou baleira, todo depende de se está baixo a billa ou co bico deitado, do que sae da billa ou do que se verte polo bico, así que, como dicía alguén, vexamos como sopra o vento para saber cara onde poñer o paraugas. E niso se basea a resolución de todos os problemas, primeiro ter moito sentidiño e logo observar e analizar antes de decidir e dar nada por feito.

Concordamos en que non paga a pena correr riscos innecesarios, que as festas de hoxe poden ser as penas de mañá. Xa pasamos estes días celebrando reunións familiares por videoconferencia. Sen medo, só por precaución, para avanzar e deixar atrás ese mal ano. E aínda que o porvir se amosa cheo de esperanza, entre o medo e o risco os oficios que máis proliferan en tempos de crise son os dos adiviños afeitos a adular para gañar clientela. Profesionais, afeccionados ou charlatáns de parladoiro que de todo saben e para todo teñen resposta, uns prognosticando isto e outros o contrario, e así como non lle facemos caso a aquel presidente que dixo que a vacina do covid podía converternos en crocodilos, tampouco imos crer que todo vai rematar tan só por pasar a folla do calendario.

Aí andaba este día Xulio prevíndonos contra os falsos profetas, se é que algunha vez houbo algún que fose verdadeiro. Lembrábanos un cadro titulado A boa ventura, do pintor francés Georges de La Tour, onde un rapaz imberbe, pero vestido coa elegancia dun nobre atende ós prognósticos dunha bruxa. Un deses mozos acostumados a pensar que o mundo e os camiños da vida son igual de seguros e cómodos que os seus fogares; un deses rapaces que nunca viron o perigo e por iso non lle temen, seguros da súa saudable idade e da fortuna que os ampara.

Un deses mozos cuxa experiencia vital se reduce a ter escoitado algunha vez as aventuras dun farfallante militar retirado e pensan que eles non son menos. Ese rapaz do cadro ten mirada de soberbia e desconfianza cara a vella que lle está botando as sortes a troco dunha moeda, como se a sorte e boa ventura estivese en función do valor pagado, sen se decatar de como por detrás lle están cortando a cadea de ouro con medalla que leva colgada do cinto como símbolo de distinción.

Non nos pase a nós que engaiolados coas palabras, por dicirnos o que queremos oír, baixemos a garda e nos deixen sen escapatoria. Total, que ía sacar en limpo aquel adolescente das palabras da adiviña? Á fin esa, coma todos os expertos en embelecar, en pro ou en contra, sempre saben adular ós incautos e deixalos sen a moeda pero con moita fantasía na cabeza. O malo é que pagar por palabras non é pagar por realidades.

Por iso, como Xulio di, nada é doado nin imposible, entre o medo e o risco sempre hai un punto de equilibrio, pero que nolo sinale quen realmente sabe de que vai a cousa, non vaia ser que por soberbia propia ou allea fiquemos un ano máis a velas vir.