O plan UE

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

05 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As derradeiras horas do ano 2020 foron unha fonte de desexos colectivos de deixalo atrás, esquecelo, e que dera comezo o 2021, un Xacobeo daquel xeito. Parece que foi o final do túnel e que agora xa remataron todos os nosos problemas do pasado ano, que aínda está quente.

É bo ter unha ilusión, pero non tanto ser ilusos. Con todo, a mente é moi potente e debemos ter esperanza e confianza, dous puntais do camiño, pero non debemos deixar de ter os pés no chan, mirando os chanzos que puidera haber para non petar con eles.

Hai varios días, a unha das reunións do Observatorio 3R -no que participo- asistiu unha representante do ministerio que nos comunicou que Europa despregaba un impresionante monto de setecentos cincuenta mil millóns de euros para rehabilitación (leron ben: 750.000 millóns), para mitigar os efectos do covid e relanzar a economía, actualizando o parque inmobiliario e mellorando a eficiencia enerxética para combater os efectos do cambio climático.

Agora que esmoreceron os oficios da construción -por terceira vez na historia recente- e que non temos xente formada para rehabilitar ou construír, enfrontámonos cun Plan UE cuxos efectos tememos que serán similares aos do nefasto Plan E de alcance estatal: mancheas de cartos que, tralo paso transversal polos distintos chanzos da estrutura burocrática, dificilmente van chegar á señora Carmela de Muros, esfumándose nos informes de intervención dos distintos departamentos, que ademais teletraballan.

Moito fume e pouca chama, porque cada día complican máis a viaxe de Bruxelas a Muros, a Noia ou a Corcubión.