O modelo

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

12 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A redución turística producida pola pandemia abre un interesantísimo debate que deu o salto dos expertos en urbanismo e patrimonio á xente do pobo. Vimos de coñecer a reacción dos habitantes de Hawai, dos de Venecia e dos de Barcelona ao modelo urbanístico anterior, o do turismo masivo.

Os hawaianos viron mellorar as súas vidas e non queren que volvan as hordas de turistas que frecuentaban as illas, e o mesmo están pensando en Barcelona e Venecia, aínda que nesta última habería que darlle a volta á estrutura económica, que foi pouco a pouco transformándose en un parque temático para o turismo.

A actividade turística é positiva para calquera país, pero como calquera outra, ata chegar a un límite, que se estima entre o 10 % e o 15 %, pero tamén é un elemento depredador, que arrasa coa identidade dos lugares, que transforma a estrutura da sociedade, que de ser diversa e transversal pasa a ser un bloque para servir aos turistas. Deixan de ser cidades para os cidadáns para se transformar en parques temáticos, perdéndose o dereito á cidade que establece a constitución.

Exemplos en Galicia temos varios paradigmáticos: os de Combarro e Fisterra e o da cidade histórica de Compostela son os máis relevantes. Vivir nesta última supón renunciar á identidade compostelá, moitas veces á propia lingua, pero tamén ao comercio de proximidade adaptado ás súas necesidades, a prezos acordes co nivel de vida. Este período debe facernos reflexionar sobre o modelo de asentamento que necesitamos. Renunciar á diversidade polo turismo pode ser un prezo moi caro.