Cando compramos un produto no comercio de proximidade debemos saber que para dispoñelo na tenda tivo que vir un camión ou furgoneta a traelo, conxuntamente con moitos máis, porque os pedidos fanse por lotes. Ese vehículo produce un desgaste do pavimento da estrada e das rúas dende o almacén ata o punto de venda, tamén ocupa un espazo físico que, conxuntamente con outros vehículos, forma parte do conxunto do tráfico, que moitas veces se converte en atasco ou embotellamento, reducindo a eficiencia dos demais, e incrementando a contaminación.
Todos estes conceptos son motivo de debate nos foros especializados co fin de frear o cambio climático, mellorar a mobilidade e camiñar cara á peonalización. É cuestión de eficiencia e eficacia, de facer sustentables e humanas as nosas cidades. Tamén hai unha compoñente fiscal, porque o desgaste da vía pública págase cos impostos dos que teñen beneficio na rede comercial. É equilibrado, pero non sucede así cando compramos en liña, dende o teléfono, tableta ou computadora, as empresas que non tributan aquí, pero cuxas furgonetas desgastan o espazo público, converténdose nun acto individualista e insolidario.
Non sería mala idea ir pensando en impostos municipais ou autonómicos directos á compra telemática para contribuír ao mantemento do noso espazo urbano. Unha proposta que enlaza coa taxa turística, que debería engadirse ás reservas hoteleiras cando as facemos en liña a través de empresas que non pagan impostos no noso país. O consumo camiña pola senda da globalización, pero as rúas témolas que manter nós.