Augusto Pérez-Alberti, autor do estudo sobre a duna de Corrubedo: «Claro que antes se tiraba a xente por ela, pero iso foi jorobándoa»
BARBANZA
O catedrático de Xeografía Física pola USC defende que o datos rebátense con datos, non con opinións: «Pasou de ter unha altura de 24 metros aos 19 de agora. É unha cantidade inmensa de area»
08 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Catedrático de Xeografía Física pola USC dende 1999, Augusto Pérez-Alberti (Tortosa, 1947) conta cun currículo que, de replicar aquí, deixaría sen espazo á entrevista. O que o trae, de novo, ás páxinas de La Voz de Galicia é a polémica xurdida polo artigo que escribiu sobra a duna de Corrubedo. Nel afirma que perdeu máis de 270.000 metros cúbicos de area dende fai 12 anos, tempo despois de que os camións utilizasen o entorno como canteira. Di que son datos, non valoracións; ciencia, non discusións de barra de bar.
-Hai xente que non está de acordo coas conclusións do artigo.
-No mundo científico cando alguén no está de acordo teno que demostrar con datos. A un pódelle gustar máis Cristiano que Messi, pero isto é ciencia, non opinións. A dúbida pode estar ónde se atopa esa area que falta. Pero ese non era o obxecto de estudo. Pode estar detrás da duna ou dispersa nos campos, pero iso non se sabe. A duna pasou de ter unha altura de 24 metros aos 19 de agora. Perdeu moitos metros. Esa é unha cantidade inmensa de area. No mapa do 1942, que é o primeiro que se fai cunha medición avanzada, era de 24 metros. Contra os datos hai que poñer datos. Podes dicir que non cres que o mar vaia a subir nos próximos anos, pero fai unha casa á beira do mar. Cando o mar cha tire, xa o comprobarás. A ciencia non se fai en Facebook nin en Twitter.
-Hai xente á que lle parece imposible que o declive da duna se deba aínda á acción humana.
-Tamén lle pode parecer imposible que un terremoto tire unha cidade. Ata que a tira. Para publicar nunha revista científica, un artigo ten que ser discutido e aceptado por profesionais que coñecen o tema. O único dato que non podemos demostrar é onde está a area. Moita levárono os camións e hai unha parte que se foi cos visitantes. Fíxose un estudo en Menorca no que se demostra que de media, cada persoa que ía á praia levaba 34 gramos na roupa, zapatos... Eu creo que esa é unha parte, pero non é a máis significativa. O vento transportou moita, pero pisoteo sempre houbo. Alí houbo ata carreiras de cabalos e a duna usábase como un anfiteatro.
-Entón que foi o que máis afectou ao declive entorno?
-Este é un sistema interconectado. Nun sistema natural no que non houbera ninguén, o mar trae area, a area da duna vai para a praia, o vento leva a area da praia cara a duna... Cando intervén o ser humano, iso cambia. A xente pasa a ter contacto coa duna e xa vai intervindo. Insisto, cando se fan obras na costa, peiraos, encoros, a dinámica do movemento da área no mar cambia. Co tempo a area xa non chega, cando antes era moi libre pola ría. Nun estudo que fixera, vese como a liña da praia tamén retrocedeu. No Instituto Xeográfico Nacional podes ver as fotos. Ves que a praia se estreitou.
-Moita xente bótalle a culpa aos ecoloxistas. Din que a duna segue «desfacéndose» por culpa da sobreprotección.
-Os ecoloxistas non son os que levan a area de alí. Afortunadamente, son xente que se preocupa do medio natural, porque sen xente así cada un tiraría o lixo onde lle dera a gana. E en vez de ríos teríamos cloacas. O medio ambiente é cousa de todos. Claro que antes había moitísima máis area. Pero cando se converte nun lugar de visita os problemas aumentan. Pasa nas vilas turísticas de 5.000 habitantes que pasan a 40.000 turistas.
-Venecia sería un bo exemplo?
-Si, certo. Todo ten un límite, todo sistema ten un límite. Si se bañan dúas persoas no Pirineo non pasa nada, si se bañan centos a auga contamínase. Atopar un termo medio é complicado. Claro que antes se tiraba a xente pola duna, pero iso foi jorobándoa. Pero non é o mesmo a xente que ía á duna fai 60 anos que a que podería ir agora.
-Está claro que o concepto de turismo é diferente agora que fai 30 ou, non digamos xa, 60 anos.
-Unha cousa é que vaian xogar alí os veciños de Olveira e os nenos. Tería un impacto pequeno, e outra que veñan autobuses con excursións de colexios. Hai que por cada cousa no seu contexto, pero o importante é que os datos non se contrastan con opinións. Se ti non aportas outros, a túa opinión vale o mesmo que nada. O que está claro é que se a duna desaparece vai haber un problema gravísimo. Igual non para nós, pero si para os netos ou bisnetos dos que viven alí. Hai estudos, algún incluso publicado por vós, que din que en 30 anos esa zona vai desaparecer polo mar. Paréceme un pouco precipitado e un brindis ao sol, pero están poñendo o acento nun perigo que está aí. Eles din 30 anos, igual son 50, pero iso vai desaparecer, se non se coida. Canta máis area haxa na duna máis lle vai custar ao mar entrar na terra. É importante deixar esa protección entre a costa e as zonas construídas. Canto mellor conservada estea a duna menos problemas para o futuro.
-¿Hai marcha atrás?
-O certo é que a duna no futuro será distinta. Hai ciclos, cando volva a baixar o nivel do mar, ou nun novo ciclo glaciar, pero iso é ciencia ficción. Nós facemos ciencia, sen ficción, por iso usamos os datos. E xa ves, de 24 metros pasamos a 19. Eu fun alí por primeira vez nos 60 e aquilo era un mar de area e agora cada vez é máis pequena. Os ollos poden enganar. Non toda area se levou para facer casas, pero a duna de Corrubedo perdeu altura nos últimos 70 anos e nos últimos 15.
-Hai quen critica que non se retiren as herbas.
-A duna ten unha dinámica natural e a zona vaise colonizando de vexetación, pero niso tamén inflúe que cada vez haxa menos area, xa que facilita que a vexetación naza. A medida que medre a vexetación, a duna será menos móbil. Hai multitude de exemplos de dunas completamente colonizadas en Galicia. A vexetación vai seguir medrando, canto menos forza ten o vento, cantos menos obstáculos atopan as plantas... Podería chegar o momento que a colonizase e quedase quieta. Cando vai pasar? Non sei, pero si pode pasar. Todo o que está entre a duna e o aparcamento era area e agora está colonizada.
-Tamén hai quen lle bota a culpa aos muíños eólicos.
-Non, para nada. Os eólicos poden ter un impacto visual e ecolóxico nalgúns casos, pero non afectan. Está claro que hai cousas que non sabemos. Non puidemos colocar trampas de sedimentos para saber cara onde marcha a area. Sería interesante facelo no futuro. Pero non é fácil, fan falta medios e este non é un artigo pagado pola Xunta. Fíxose por amor á ciencia. É un estudio científico como outros que fixemos en praias ou glaciares.
-Para pechar a entrevista. Non hai ningunha opción de que ese deterioro sexa algo natural?
-Non, é algo que vén da interacción humana. Antes había moita area no sistema e non había encoros, nin peiraos. Pero agora hai a realidade que hai. Estamos nun sistema antropizado, cambiante. E iso calquera persoa maior pode velo. Non é só un problema para a duna, senón que é un problema para toda a zona. ¿Canto hai de natural e canto do home na situación actual? ¿Quen o pode saber? Pero se a xente non pensa no futuro, pois vale. Arrasemos con todo e os que veñan despois que se busquen a vida. Iso, si, ¡moitos serán descendentes dos que estamos aquí agora! A todos nos queda un fillo, un neto, un bisneto que vai ter que vivir aquí.