En toda Galicia foron 260 as persoas que achegaron traballos para colaborar nunha iniciativa promovida por un grupo no que se atopa Pilar Sampedro
03 abr 2021 . Actualizado a las 18:07 h.No pasado mes de xullo, media ducia de galegos vinculados ao eido cultural poñían en marcha unha iniciativa co fin de reunir unha gran colección de obras coa que renderlle homenaxe a Isaac Díaz Pardo coincidindo co centenario do seu nacemento. A idea era rememorar a figura e a traxectoria do intelectual e galeguista. Ao longo destes meses foron 260 as persoas que quixeron sumarse a esta proposta, trinta das cales son de Barbanza.
A colección resultante, que está previsto que se complete o luns coas últimas achegas, está a disposición do público no sitio web mandadepezasparaisaac.blogspot.com. O primeiro que chama a atención é que se trata dun abano de obras amplo e variado, no que están presentes practicamente tódolos estilos artísticos. En representación de Barbanza aparecen os textos achegados por Eme Cartea, Xoán Pastor Rodríguez, Xesús Rábade, Helena Villar Janeiro, Eva Veiga ou Aurora Marco; os traballos plásticos de Paco Casal, Soledad Penalta, Manuel Teira, Alfonso Costa, Che Tembra, Manuel Ayaso, Pepa Nieto, Paola García Paz, Ricardo Dávila ou Xosé Luis Veiras Manteiga; as fotos de Elixio Viéites ou Pepe de Benedicta; e mesmo unha peza musical composta para a ocasión por Sebastián Paz.
Detrás desta iniciativa con repercusión en toda a comunidade galega están seis persoas, entre as que se atopa a sonense Pilar Sampedro. Xunto a ela, promoveron a campaña para reunir obras inspiradas en Isaac Díaz Pardo os irmáns Martiño e Héitor Picallo, David Otero, Maka Arca e Ana de Vilatuxe. A barbancesa destaca a importancia da colección conseguida: «A iniciativa tivo unha aceptación moito mellor do que esperabamos. O máis fermoso é que conseguimos xuntar todas as artes, desde a pintura e a escultura ata a música, pasando polo gravado, a fotografía, a literatura, as instalacións e mesmo a artesanía». De feito, estaba previsto que o prazo de recepción de traballos se pechara en agosto, pero finalmente prolongouse ata a actualidade.
Exposición itinerante
Ademais de poñer as obras a disposición de todos aqueles que as queiran ver a través de Internet, os impulsores desta proposta pretenden levar a cabo outras actividades. En Barbanza, segundo explicou Pilar Sampedro, a asociación cultural Barbantia colaborará para que as pezas dos trinta artistas da zona que se sumaron á convocatoria formen parte dunha exposición que, se as previsións se cumpren, percorrerá diferentes localidades na recta final do ano.
Non se descarta que de cara ao verán do 2022, cando se cumprirán 10 anos da morte de Díaz Pardo, se monte unha gran exposición para a súa exhibición en distintos puntos de Galicia.
Con esta importante colección, o eido cultural galego busca saldar a débeda contraída co intelectual: «A través de O Castro e sobre todo de Sargadelos creou un sinal de identidade, pois son pezas que chegan a moitos lugares do mundo e que sempre se relacionan con Galicia. Era necesario renderlle unha gran homenaxe na que estiveran presentes tódalas artes», explicou Pilar Sampedro, orgullosa do resultado acadado.