Sen cociña?

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

13 abr 2021 . Actualizado a las 22:06 h.

É a última moda entre os friquis: construír vivendas sen cociña. En realidade, xa existen prototipos en distintas cidades, pero unha bolseira de Harvard puxo o debate na prensa, nas redes. Argumenta que cada vez cocíñase menos na casa, cada vez hai máis familias que non saben cociñar, e suprimindo a cociña podemos baixar o prezo da vivenda. Cada vez quedan menos cousas sobre as que investigar e hai que darlle saída a tanto experto universitario, pero débese tomar como iso: unha ocorrencia froito da investigación.

En Galicia xa non está permitido construír vivendas sen cociña, afortunadamente. Na arquitectura galega tradicional sempre foi a peza máis importante da vivenda: o lar, o lugar no que parolar, onde xuntarse coa familia. É máis, dentro dese espazo, en gran parte das casas, o artefacto de cociñar está colocado no medio, algo parecido ás illas das cociñas contemporáneas, que parecen un invento do século XXI. O comedor era ese espazo para as festas anuais, que non se utilizaba gran parte do tempo. Mesmo nas casas modernas, no salón comedor poñíanse mobles para amosar aos visitantes, pero recibíanse na cociña.

Hoxe as casas son máis versátiles e transformables, pero teñen que ter unha cociña, porque aínda que non saiban cociñar, é o lugar de reunión familiar da primeira hora da mañá, o lugar no que se pecha o día, o núcleo onde quentar algo para levar ao estómago. Sen cociña, ¿van quentar un leite no baño?

Esta tese é anterior á pandemia, polo que habería que preguntarlle á súa ideóloga como viviría sen cociña e sen poder ir xantar a un restaurante.