Santo Epitacio de Tui

BARBANZA

Bernardo Codesido Bernardo Codesido

22 may 2021 . Actualizado a las 13:52 h.

Os primeiros bispados, e as distintas dioceses, dannos unha pista da importancia que tiñan no seu tempo como vilas vertebradoras do territorio, pero tamén como foco onde afloraba certo descontento contra o Imperio, onde os líderes de distintos grupos e tendencias trataban de corrixir a orde establecida. Así chegaron ata nós haxiografías de mártires cristiáns investidos dunha aura de pureza cando en moitas ocasións só era a actitude duns revolucionarios teimudos e decididos a romper coa casta, prometendo unha sociedade libre de corruptelas e das prebendas adquiridas por herdanza. E como ninguén dá o que ten e todos queremos o que non temos, o conflito estaba servido.

O primeiro bispo de cada sede, polo xeral subido á da santidade, viña sendo un dirixente afanado en facer comunidade promovendo un movemento social entre as clases máis humildes, abrazando a esperanza de que lles recoñecesen os dereitos á dignidade contra os grandes terratenentes e as elites que non querían perder os tradicionais privilexios. Quen sabía compaxinar as súas palabras coas leis e normas vixentes podía vivir tranquilo e estender a súa mensaxe, quen trataba de acelerar a consecución do seu ideario acababa no cadafalso. Logo, os escritores medievais lavarán a cara dunha Igrexa herdeira da nobreza romana, que non do ideario dos mártires, falando de inspiración divina e fe cega, de xente pacífica, mal comprendida e asoballada.

Un destes predicadores foi Epitacio de Tui, primeiro bispo desta cidade que acabou pagando co martirio polas súas ideas, un 23 de maio durante o reinado de Nerón, segundo nos conta en 1645 o licenciado Iván de Tamayo Salaçar.

A súa vida e obra queda, como a de tantos mártires, envolta nunha aureola de misterio, máis aínda porque esa primeira biografía foi feita máis de 1.500 anos despois da súa morte. Segundo o licenciado Tamayo, Epitacio era de ascendencia grega e vivía en Ambrosia, na actual Plasencia, cando escoitou a Pedro de Rates, primeiro bispo de Braga, predicar o cristianismo, e tanto gustou do discurso do bracarense que se presentou a el para ser o seu discípulo e aprender os principios desa nova relixión, con tanto celo e convencemento que o seu mestre acabou por propoñelo para ir a Tui, onde había moitos gregos, descendentes segundo a lenda daquel Diómedes, guerreiro troiano, fillo de Tideo, rei de Etolia, que alí fundou unha cidade en honor de seu pai.

É tanto o éxito acadado por Epitacio cos seus discursos e exemplos, que os tudenses acolléronse masivamente ó bautismo. Ante tal logro os seus superiores non dubidan en mandalo á súa Ambrosia natal, onde moran moitos amigos e familiares seus a quen, seguramente, lle será moito máis doado de convencer. Pero xa se sabe, ninguén é profeta na súa terra. Os ambrosianos non lle fan moito caso, el extrema o discurso e as autoridades civís e militares deciden prendelo, a el e ós seus seguidores, a fin de evitar esa revolución social contra a tradición do Imperio que propoñen, acusándoos de insurrectos e alborotadores.

Aínda na cadea, entre tortura e tortura, Epitacio asiste coa súa palabra ós compañeiros detidos e incluso convence a algúns dos carcereiros das verdades que el predica, sen perder a afouteza ata a morte.

Santo Epitacio é un deses santos esquecidos a quen ninguén lle reza, e a verdade é que sería un bo avogoso dos presidentes das comunidades e das asociacións de veciños.