Imaxine. Peche os ollos e métase nun chamizo mal feito, con remendos por todos lados, cunha boa terraza, piscina e vistas marabillosas. Imaxine que cociña de perlas, é un bo anfitrión e todos os que lle visitan están encantados cos seus manxares, coa súa piscina e coa súa terraza. Pero a casa ten goteiras, non está illada e o chan ten baldosas rotas. Pero vostede decide instalar un banco na terraza miradoiro, á intemperie, para gozar das vistas tan espectaculares. E convida ás amizades a vir gozar delas, agasallándoos cos mellores manxares.
Abra os ollos, é ficción. Unha ficción que se converte en realidade cando falamos de Galicia, a casa de todos nós. Chamamos a que veñan visitarnos, gastamos os nosos cartos en cachivaches para que gocen da nosa única natureza e soterramos os fondos europeos en quedar ben cos turistas, namentres a nosa casa ten goteiras, e non pensamos en nós mesmos como país.
Sigo matinando onde imos gastar os 6.000 millóns de euros que Europa pon á disposición dos galegos para restaurar, rehabilitar e mellorar os nosos inmobles, que para que cheguen a nós teñen que pasar antes por Madrid. O Pasatempo, Lourizán, o modernismo, o eclecticismo, o racionalismo, os hórreos e os barrios do Movemento Moderno seguen no esquecemento. Pero inauguramos randeeiras, bancos, paseos, rutas, camiños de Santiago que xorden das pedras. Miremos o que fixeron os portugueses e os bretóns, os asturianos e pobos como o noso. Deixemos de pensar no Mediterráneo e no Caribe. Deixemos de pensar como anfitrións e construamos estruturas útiles para nós.