Eólicos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

08 jun 2021 . Actualizado a las 10:52 h.

Atormenta de parques eólicos que chega a Galicia é algo máis que unha inxerencia na paisaxe das montañas, que se verán acompañadas dos muíños, unha imaxe á que xa estamos afeitos. Para o seu funcionamento precisan dunha rede de camiños e explanadas que responden unicamente á colocación dos aeroxeneradores, é dicir, do estudo do vento. Ignoran totalmente as preexistencias do lugar. Ignoran a estrutura territorial que foron construíndo os nosos devanceiros dende a Idade Media, que Ana Filgueiras define como «un organismo dotado de vida propia, de alma e de memoria, unha paisaxe sensorial inspiradora que dinamiza a creatividade e perpetúa a cultura, evocando a vida, a morte, o esforzo, a beleza, o sagrado, a historia, o misterio, a memoria acumulada, que nos asiste e dota de conciencia».

A estrutura da supervivencia que crearon os nosos para entregárnola en boas condicións extrae da terra o mellor de cada zona, pero con alta dose de respecto e dignidade, feito á escala humana. Forma parte do noso feito diferencial, da nosa identidade distinta da de outras rexións europeas. Ese deseño case perfecto é Galicia, e calquera alteración substancial cámbiao por outra cousa distinta.

As eólicas son estruturas que se superpoñen sen piedade, arrasando a nosa experiencia e creando pobreza, expulsando á xente do seu hábitat. A saber: agras, as pontes, pontellas e poxados, camiños, corredoiras e congostras, cómaros e valados, fontes e lavadoiros, lugares sacralizados, petróglifos, soutos e carballeiras, e os respectivos topónimos, o sentir e a tradición.