Carmen Dourado: «Estamos en cifras históricas de menores que precisan acollida»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Busca familias para os 1.600 nenos que están medrando sen un fogar

04 nov 2021 . Actualizado a las 14:44 h.

Integrantes de Acougo, a Asociación Galega de Familias de Acollida, están levando a cabo unha intensa campaña de divulgación e captación de socios polos concellos de Galicia. Mediante charlas, buscan informar sobre o seu principal obxectivo, que non é outro que garantir o dereito fundamental dos nenos a medrar no seo dun fogar. A través da firma de convenios cos concellos, pretende que se lle facilite o camiño a aqueles que decidan sumar un membro temporal á familia. Para animar a uns e a outros, Carmen Dourado, a coordinadora da entidade, empeza por lembrar a súa propia experiencia.

—No 2011, cando levaba varios anos exercendo como traballadora social, atendín un caso dunha rapaza que me fixo entrar en contacto, a nivel profesional, co acollemento. Afectoume tanto que o comentei na casa e empezamos o proceso para ser familia de acollida. Xa imos polo oitavo neno.

—Como inicia a súa andaina a asociación Acougo?

—Foi impulsada por un grupo de familias que queriamos involucrarnos en maior medida na defensa dos dereitos dos nenos que están no sistema de protección público. Percibimos que non tiñamos todo o apoio necesario, nin as familias nin os cativos, por iso quixemos unirnos, para establecer un marco organizado e buscar así o apoio da Administración e de outras entidades.

—Agora están levando a cabo unha intensa campaña de divulgación, a que é debido?

—Estamos en cifras históricas de menores que precisan acollida, hai uns 1.600 en Galicia.

—Cales son os menores susceptibles de entrar a formar parte no programa de acollida?

—Pois, o cen por cento dos nenos que están no sistema de protección son acollibles, porque medrar en familia é un dereito fundamental, así está reflectido nas leis autonómica e estatal. O problema é que non se está velando por este dereito e os nenos permanecen nos centros ata os 18 anos. Despois, é doado imaxinar a que se lles ven enriba.

—Pero, que tipo de nenos entran nese sistema de protección?

—É importante ter claro iso. Os nenos susceptibles de seren acollidos son os que non poden ser atendidos polas súas familias temporalmente; non son os que teñen medidas xudiciais, porque eses están en centros especializados. O estigma que hai sobre estes rapaces ten que desaparecer, porque eles non fixeron nada malo, ao contrario, normalmente son vítimas.

—Que busca Acougo coas charlas que está impartindo en diferentes localidades?

—Tentamos achegarlle á sociedade unha realidade que é moi descoñecida. Tamén queremos animar ás familias para que se sumen ao programa claro, pero o fundamental é informar.

—E cos convenios que se lle propoñen aos concellos?

—A idea é que nos faciliten a difusión do noso labor, pero tamén que interveñan en favor das familias acolledoras á hora de que os nenos poidan acceder con facilidade e desde o primeiro día a servizos como campamentos, piscinas, comedores ou actividades extraescolares.

—Como nai acolledora, que é o mellor esta experiencia?

—O mellor é que esas crianzas nos dan a nós moito máis do que reciben. Sempre hai dificultades, pero no cómputo global, os beneficios son superiores.

—Cales son esas dificultades?

—Quizais a frustración e a impotencia que podes chegar a sentir cando ves que as cousas se podían facer mellor, cando comprobas que non se sitúa o acollemento como unha prioridade para estes nenos que medran sen unha familia.

—Pero vostede dicía que non hai familias de acollida suficientes para tantos nenos...

—Si, pero é porque non se lles presta o apoio necesario. Se a Administración puxera máis da súa parte seguro que moitos se animarían a acoller, pero é fundamental que exista apoio profesional, este proceso non pode depender só de voluntarios, porque é moi complexo.

—Que mensaxe lle lanzaría ás familias que algunha vez pensaron en acoller, pero non deron o paso?

—Pois diríalles que se informen, que se tomen o tempo que precisen para resolver as dúbidas que teñan. Diríalles que o mellor xeito de informarse é coñecendo a realidade de outras familias acolledoras. Para iso, poden visitar a nosa páxina web e chamarnos, iremos a onde faga falla.