Manuel Gago: O ecléctico humanista que soñou con contar historias

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

PACO RODRÍGUEZ

O palmeirán, que se define coma un entusiasta, aposta por unificar saberes para achegalos ao gran público

04 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Que Manuel Gago (Palmeira, 1976) sería un pouco de todo quedou claro dende o seu nacemento. Nado en Palmeira, criouse entre A Pobra e Madrid, polo que a pregunta é obrigada: De onde é realmente este ecléctico humanista? El teno claro: palmeirán e pobrense. A pesar de tódolos paus que tocou na súa traxectoria, defínese como contador de historias. E non falla. No seu currículo hai milleiros de capítulos, pero todos con un nexo común. El é un dos encargados de achegar materias e saberes diversos ao gran público, sexa mediante conferencias, escritos, programas de radios, páxinas web ou o que se sexa. Xornalista, profesor universitario e director da web culturagalega.gal do Consello da Cultura de Galicia, é tamén escritor. Nese último talento comezan a verse as trazas dun artista das letras que quere pescudar no pasado da súa xente, nas raíces, e traelas de novo á actualidade.

Todo comezou no berce dunha familia que conxugou o nexo barbancés de mariñeiros, pero con horta e patacas: «Na casa tiñamos a idea do mar, dos camiños do mar, pero sempre estivemos moi pegados á terra». Esa idiosincrasia tan da comarca foi cicelando a un Manuel Gago que bebeu das historias que escoitaba na casa, dos mitos, das lendas, das supersticións: «E da implicación dos meus pais pola cultura. Querían que eu lese, que coñecese cousas, que visitase o meu entorno». Amante da historia e da arqueoloxía, non se podería entender o que el é sen «a tecnoloxía. Barbanza foi un dos primeiros sitios da costa galega en ter microinformática. Eran os ordenadores que traian os nosos pais e que compraban nos portos libres de impostos. Foi así que me introducín na informática, no xornalismo dixital. Eles sabían que o futuro sería a informática».

Entre tódolos camiños que se abriron ante el, Manuel Gago apostou polo xornalismo: «Sempre quixen contar historias e esa era a profesión que me permitía coñecer e tocar tódolos paus. Podía aprender moitos saberes, falar con xente distinta. Facer iso tódolos días era a miña vocación». Logo de licenciarse en Santiago, seguiu na academia para doutorarse cunha tese na que estudaba cómo os grandes medios internacionais construíran as súas primeiras web. Experto nas tendencias nas redes, esa é a materia que o mantén ligado á Universidade de Santiago, onde ensina ás novas xeracións a «cambiar a cabeza e a construír historias, que pensen de maneira abstracta para crear un produto dixital do que poidan sacarlle o máximo rendemento, sexa a plataforma que sexa».

Ese ordenador chegado da mercante foi o comezo de todo. Porque a Gago tamén lle abriu as portas do Consello da Cultura Galega, onde dirixe a súa vertente web: «Levamos 22 anos creando produtos dixitais. Tivemos que aproveitar Internet para difundir a lingua e a cultura galega. A nosa é unha das web de España máis complexa, de maior contido. Traballamos 22 anos como formigas para canalizar toda esa información».

A literatura

O certo é que Gago atopou a paixón da escrita non fai demasiado. No 2012 escribiu, con Xurxo Ayán, o seu primeiro ensaio, pero a paixón polas letras chegoulle logo dunha viaxe a Gales. «Fun dar unha conferencia e caín por un cantil. Rompín o nocello. Tiven que operarme e estiven varios meses de baixa. Aí naceu a miña vocación». Dende aquela leva tres novelas, todas elas con moi boa acollida do público. Sobre ese éxito afirma que «sempre intento tratar sobre a relación da memoria colectiva e a realidade e a ficción. Penso que son áxiles de ler, céntranse na acción e son para tódolos públicos. Gústame reflexionar sobre como somos».

No seu vasto percorrido pola cultura, o patrimonio, a historia, ou mesmo a gastronomía galega, o nexo de todo é «o entusiasmo. Interésanme cousas diferentes e co tempo aprendín a xuntalas. Podes ter patacas por un lado e ovos polo outro, pero é xenial cando fas unha tortilla». O seu desafío segue sendo o de acercar as humanidades cara o gran público. Confesa que lle gusta tratar con expertos en diferentes materias e deles, extraer unha parte para levala a un punto común. Como di un vello dito sobre os xornalistas: «Son un mar de saber cun centímetro de profundidade». O que non saben é que tamén é preciso saber navegar nel. No caso de Manuel Gago para facer o que sempre soñou. Unir fíos para seguir contando historias.