Desfrutar

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

17 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Oconcepto de desfrutar é confuso ultimamente, porque vamos sobrados de experiencias e non temos carencias materiais, porque os medios de comunicación fomentan ás veces as novas condutas humanas e porque as redes sociais son o altofalante de moita xente, con afán de protagonismo e moitas veces con carencia de autoestima.

Facer algo distinto do cotiá para diferenciarse e recibir o aplauso colectivo, provocar emocións e atraer popularidade é o alicerce de postureos que inmortalizar e mostrar ao resto da tribo.

Todos fomos mozos, pero afortunados por coñecer os conceptos de autoridade, responsabilidade e sentidiño, así como o valor dos actos comedidos. Desfrutar un parque é utilizar os seus elementos con actividades para as que foi deseñado. Desfrutar un ben patrimonial é observalo dende varios ángulos, retratalo e botar a andar a imaxinación histórica. Desfrutar o espazo urbano é sentarse á sombra dunha árbore nos bancos, pasear, retratar as súas fachadas.

O problema é cando entra en xogo o noso ego, sen autoridade que nos coloque na realidade. Non se pode considerar desfrutar subirse ás pedras dunha torre ou dunha mámoa, pintar as fachadas dos veciños ou colgarse das reixas dunha igrexa. Pero xa son cotiás estes actos, talvez por unha perda de autoridade dos proxenitores, tamén polo consentimento velado de parte da sociedade. A educación é responsabilidade da tribo, das escolas e das familias, e o desleixo está sobrepasando as liñas encarnadas, mesmo defendendo actitudes insustentables e absurdas, que so conducen á mediocridade da sociedade. Chegan a aplaudilas.