Oprincipio do século pódese identificar cunha palabra: construír. Foron tempos nos que parecía que non había límites para construír, vivendas, centros de interpretación, urbanizacións, paseos marítimos... Todo o territorio era susceptible de cementar, de colonizar, de ocupar.
Os últimos ciclóns que se produciron déronnos un aviso que debemos analizar e tomar determinacións ao respecto: non podemos construír todo, non podemos colonizar o territorio. A un alcalde mediterráneo tomárono por tolo cando dixo que pensaba non reconstruír o paseo marítimo destruído por un temporal. E non estaba tan tolo, a súa foi unha reflexión que todos debemos tomar en conta.
Gastar cartos públicos en loitar contra a natureza ten que ser considerado un despilfarro. Gastemos os cartos públicos en racionalizar a nosa estrutura construída, en repensar a nosa traxectoria como humanos, que somos unha pequena gota no mar que é a natureza, que máis tarde ou máis cedo rescatará o que non lle gusta que lle usurpemos.
Coa elaboración dos mapas de riscos xa temos un paso dado: non podemos ocupar o que a natureza necesita para o seu desafogo, pero debemos ir máis alá: non debemos construír o que non necesitamos. Haberá quen pense que son postos de traballo que se perden, pero é que agora nin operarios temos para construír, polo que debemos optimizar o cadro laboral en estruturas orgánicas e acordes coa natureza. Incluso hai quen proclama que hai que utilizar os fondos europeos para demoler as casas que non son acordes coa estrutura natural. Deconstruír o construído e aprender.