O instituto Espiñeira pon en marcha a súa propia editorial, Thíasos

BARBANZA

cedida

Lanza unha colección para tradución de obras clásicas e outra para libros inéditos, sempre en galego

02 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Co fin de darlle un impulso á publicación de textos en galego, o IES Espiñeira vén de poñer en marcha o seu propio proxecto editorial: Thíasos. O seu lanzamento tivo lugar o xoves, coincidindo con 215 aniversario da fundación da Real Academia Galega e coa conmemoración do Día Internacional da Tradución.

Segundo explicaron desde o centro, a iniciativa persegue a edición de textos agrupados desde dúas liñas de traballo. Unha delas é a colección Invisíbeis e ten como finalidade verter ao galego obras clásicas da literatura universal. Mentres, a colección Inesgotábeis está aberta a obras inéditas en galego. Trátase de exemplares que non estean dispoñibles nos establecementos comerciais.

Este proxecto está impulsado desde o equipo de dinamización e normalización lingüística do instituto e conta cunha madriña de luxo, a filóloga e escritora María Roso Lojo. Nacida en Bos Aires, esta autora con raíces en Comoxo é unha importante figura dentro do panorama literario hispanoamericano. Influenciada por grandes literatos galegos como Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro, a escritora obtivo diversos galardóns, entre os que figuran a investidura como membro de honra da RAG no 2019 e a concesión da Medalla Europea de Poesía e Artes no 2020.

O lanzamento do proxecto editorial Thíasos coincidiu co lanzamento do segundo número da colección Invisíbeis. Trátase da tradución ao galego de Finnegans wake, de James Joyce, da que é autor Alberte Pagán, profesor no IES Espiñeira. No acto tamén quedaron inaugurados a sede do equipo de normalización lingüística e o seu blog.