Non toda a arquitectura popular é de pedra e barro. As construcións adáptanse ás necesidades de cada momento. Se por algo recibe unha peza o cualificativo de popular é porque bota man de materiais que están ó alcance do construtor, que son máis doados de adquirir, e hoxe por hoxe é máis doado de conseguir un saco de cemento ca un de barro.
Xa sabemos que cos novos materiais sempre estamos propensos a contribuír ó feísmo, pero tamén temos a posibilidade de mellorar ou elaborar novas formas de expresión. E que ninguén se escandalice, dada a mala fama que teñen o cemento e o formigón, que tantas veces se usan sen xeito ou de maneira inadecuada, e se non, que sería de arquitectos como Lloyd Wright, Mies van des Rohe ou Le Corbusier, se non tivesen un saco de cemento de que botar man?
Nesa idea de que só a pedra dá categoría, asistimos a un despelote de paredes antigas sen decatarnos de que non todas foron deseñadas para amosar a pedra, senón que estaban pensadas para ser cubertas con amplos panos pintados que protexían do deterioro o que eran cachotes ou simples cascallos unidos con barro, mentres que a pedra de fiestras e portas si quedaba ó descuberto porque estaba traballada e non ofrecía fisuras polas que a auga e o aire se filtrase destruíndo a amalgama.
Co formigón todo cambiou. As casas xa non se tiñan que ater necesariamente á forma clásica, xa se podían construír con xeometrías máis atrevidas e funcionais, verdadeiros cubos poliédricos encaixados entre paredes que agochaban os tellados, máis estreitas e que permiten abrir fiestras antes impensables, para un maior e mellor aproveitamento espacial. Incluso se podían adornar os linteis con figuras, como nesas casas modernistas que vemos nos ensanches das nosas vilas e cidades, construídas a partir dos primeiros anos do século XX para amosar, precisamente, a modernidade, e onde non faltan molduras con espirais, pináculos, medallóns, atlantes ou cariátides feitas con moldes; unhas casas que hoxe aparecen nas guías de visita a calquera cidade.
Pero o formigón non ficou só nos edificios, senón que foi moito máis alá e pasou a formar parte das construcións populares con mellor ou peor resultado. A boa intención leva moitas veces a chafallar con cemento muros e paredes para amosar logo un mapa de manchas que afean e desvirtúan toda a construción; pero noutras ocasións, ese mesmo cemento serviu para adaptar unha obra tradicional á modernidade, modificando algúns elementos decorativos ou de simboloxía apotropaica. ¿Cando se lle ía ocorrer a un canteiro darlle forma de espiga ó pináculo dun hórreo se non era usando o cemento? As mesmas regañas dos hórreos soluciónanse eficazmente colocando tixolos que permiten a circulación do aire entre os seus ocos. En amplas zonas da Costa da Morte e da Mariña luguesa, principalmente, os hórreos feitos de ladrillo e formigón, que se empezaron a datar arredor da segunda metade do século pasado, amosan todo tipo de simboloxía, desde escudos a fermosas postas de sol, paxaros coroando os pináculos, rosáceas ou flores abertas ó ceo, convertendo eses elementos de protección simbólica, onde se mestura relixiosidade e tradición, en verdadeiras obras de creatividade dos anónimos albaneis.
E é que o malo non é o elemento, senón o uso que se lle dá.