Son dos que opino que as leis deben ser curtas, claras, lexibles e non interpretables. Non son o único que está en contra desas eternas normas de 300 artigos, con recunchos legais, con hiperbólicas expresións que poden dar lugar a distintas interpretacións, difíciles de comprender polo pobo. O certo é que redactar leis é un negocio como outro calquera, e as administracións que as encomendan páganlle aos autores por unidade de artigo. Por tanto, canto máis ampla sexa a lei, máis cobra o experto que as redacta.
Comentoume un colega que en Portugal introducen erros voluntarios na redacción para posteriormente cobrar pola corrección de erros. Non o podo entender. Pero non é o único negocio lexislativo: perante as complexas redaccións que dan lugar a interpretacións antagónicas, aparecen os expertos que imparten cursos e relatorios para explicar cal é o espírito lexislativo, que quixo plasmar o seu autor e cal é a interpretación correcta. Estes espabilados tamén cobran inxentes honorarios polas conferencias que van dando polos sucesivos organismos ou centros educativos.
Lonxe do que entendo que debería ser o corpo lexislativo, feito con sentidiño para explicar e aplicar aos cidadáns o que se pode e o que non se pode facer, resulta un complexo entramado de expertos que viven da trama lexislativa.
Se escoitan falar dun experto en urbanismo, por exemplo, pode ser alguén que non saiba aplicar técnicas urbanísticas, senón un experto na correcta interpretación das leis urbanísticas. Que non é o mesmo. De feito, moitas veces para facer cousas sensatas hai que torcer as leis.