30 vacas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

alvite

28 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes de entrar na Unión Europea había unha estrutura territorial labrega que combinaba agro e gandaría extensiva, non estabulada. Tornaban as augas e o gando estaba todo o día nas herbeiras. Camións do leite recollían a diario para levar aos ultramarinos urbanos. O día de feira levaban produtos frescos e naturais ás vilas, e notábase na economía local, tanto das vilas como das aldeas. Era unha estrutura estable e potente que cubría o territorio. Chegaron de Bruxelas e xubiláronos a cambio de desfacerse do gando. Igual que cos mariñeiros, aos que pagaron moitos cartos por desfacer os seus barcos.

Agora, a estrutura apenas comprende dúas ou tres persoas por aldea, que nin ao agro se dedican. Medran as herbas, medra o toxo e os fentos, e teñen que pagar a maquinistas por rozar as fincas cada ano, para que non se converta nunha selva. Hai máis incendios forestais e cada vez son máis devastadores, porque os montes están abandonados e ninguén os traballa, non houbo relevo xeracional.

O agro está sendo colonizado por empresas alleas que explotan os montes de eucaliptos, desfacendo a estrutura territorial orgánica construída dende a Idade Media, a dos cómaros, das agras e as corredoiras.

A paranoia chega a que políticos indecentes aproben estúpidas ordenanzas como a de Castrelo de Val, que obriga a recoller os excrementos dos animais no rural. ¿Ata onde podemos chegar se un alcalde aproba estas barrabasadas? Acabarán por prohibir tocar as campás porque lles molesta aos modernos habitantes do rural ou afogar os capóns para que non canten ao amencer.