Un tipo musculoso e con estereotipo de chico guapo observa dende o alto dunha rocha como as de As Catedrais a unha gamela na que unha muller co estereotipo de chica guapa está varada con mirada de desexo sexual. Lánzase ao mar con estilo de nadador profesional e sobe á embarcación, onde mostrando os trapecios e dorsais do seu lombo en perfecta harmonía póusase sobre a moza e esta báixalle o calzón. Corten ! Así remata o anuncio de perfume. Outro tipo cortado polo mesmo patrón pilota unha especie de moto espacial e vai afastando todos os perigos que axexan, coa facilidade coa que eu collo o xornal. É outro anuncio de outro perfume, e como este non chegarían os 1.582 caracteres para falar de estereotipos vinculados coas colonias.
Para rematala, moitos deles anúncianos en inglés ou francés, imprimíndolle un suposto glamur que o castelán non conseguiría. E así, un de cada tres anuncios da televisión en época de agasallos. O dos perfumes transfórmase en automóbiles que fan de todo cando toca vender coches. Todo fantasía, todo o que os nosos pequenos van asumindo dende cativos, porque se publicitan en horario normal.
Hei de confesar que non me considero un home feo, nin estereotípico, pero que por comprar un deses perfumes todo o mundo arredor se vai poñer na túa man, tampouco me sucedeu. Talvez sexa porque as mulleres que me arrodearon non eran estereotípicas nin os coches que vemos polas rúas fan esas extravagancias. Pagan millonadas a creadores que buscan unha sedución instantánea, e os que se cren estereotípicos pican e compran os produtos pensando nos milagres.