Plácido Amboage: «A intención da confraría é desfilar, cando menos, no Venres Santo»

L. Veiga RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

As súas principais preocupacións son as procesións e a integración da xente nova

26 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras case catro anos á fronte da Irmandade do Cristo da Misericordia de Boiro, Plácido Amboage está orgulloso do traballo desenvolvido neste tempo. Un dos principais retos era lograr achegar posicións no conflito co párroco local, unha disputa que pasou factura ás celebracións da Semana Santa así como á propia confraría, que actualmente conta con algo máis de 300 socios a pesar de que na súa época de maior esplendor chegou ata os 600.

Aínda que esta situación non se pode dar por solucionada, nestes momentos o irmán maior ten confianza en que todo vaia por mellor camiño: «Con un pouco de tacto puidemos levar as cousas adiante. O cura veu que eu non estou radicalmente en contra da súa posición, senón que trato de levar un equilibrio. Creo que as tensións foron diminuíndo notablemente».

Estas idas e vidas tamén se viron afectadas pola pandemia, prexudicando de forma dobre ás procesións da Semana Santa e deteriorando en certa medida os avances que se fixeran nas relacións entre o párroco e a confraría. «O ano pasado non tivemos contacto. Aínda que formamos parte da comisión da parroquia, como non había nada previsto polo covid, organizouse sen contar con nós. Outras igrexas por exemplo presentaron os pasos fronte ao público, aínda que non se puidera levar a cabo o desfile, e poderíamos ter aportado algo así, pero non se falou dese tema».

Agora, coas próximas celebracións en mente, Amboage fíxase no que fan outras entidades e toda a parroquia comeza a traballar para retomar a Semana Santa coa normalidade habitual: «A confraría de Ferrol, a máis potente de Galicia, vai facer as procesións con medidas de seguridade. O próximo venres temos unha reunión para definir posicións. A intención da confraría é desfilar, cando menos, no Venres Santo, en caso de que non se puideran celebrar os tres días».

Neste sentido, agora que as tensións parecen estar relaxadas, lembra os plans que había antes de que a situación sanitaria truncara as celebracións e pensa en poder recuperalos para os vindeiros anos: «Temos relación coa confraría de Veracruz, en Santiago, e o Domingo de Pascua sempre nos desprazamos ata aí. Queríamos realzar as procesións traendo a Boiro á súa banda de música, que é moi potente, e pensamos tamén na de Ferrol. Sería un proxecto interesante».

Relevo xeracional

Ademais da súa labor nesta época, a confraría tamén colabora con proxectos de caridade, unha cuestión que para Amboage é de vital importancia: «Como cada ano fixemos unha colecta e recadamos máis de 2.000 euros. Estas irmandades nacen como sociedades para axudar aos demais e esta é a misión que debemos manter: cooperar e solucionar os problemas que podamos», sinala o irmán maior.

Non obstante, unha das principais preocupacións de Amboage nestes momentos é a falta de relevo xeracional dentro da entidade: «Sabemos que nos estamos quedando maiores e que este punto de vista relixioso hoxe en día está en números negativos, pero cremos que podemos chamar a atención entre as sociedades da localidade».

Por iso, busca achegar posicións tamén neste eido, apuntando cara a modernización da Irmandade: «Antes o poder da Igrexa era tremendo, agora estamos no século XXI e non podemos pretender unha vida relixiosa como a de antes. Temos que mirar ás confrarías como entidades que seguen uns principios cristiáns e que están para fomentar a comunicación entre persoas, formando un grupo de xente á que lle podes transmitir os teus problemas».