Amores e comenencias

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

«Que casar non é o mesmo que estar namorado, xa o dicía miña bisavoa»

12 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Que casar non é o mesmo que estar namorado, xa o dicía miña bisavoa; pero xa moi antes ca ela, nas cartas de Eloísa a Abelardo,escritas no século XI, cando as parellas casaban segundo os gustos e as comenencias de seus pais, a rapaza escribe que o amor é puro e sen ataduras, mentres que o matrimonio é unha atadura que ela cualifica de prostitución por contrato. E se non díganllo vostedes ós monarcas pasados, presentes e futuros.

Unhas veces para xuntar terras e outras para facer as paces, os casamentos eran pactos de familia, o amor ocupaba un segundo lugar e prevalecían as estremeiras das herdades, xustificado con aquilo de que o cariño viña co roce. Pero a maioría das veces, por moito que os cónxuxes se rozasen, o namoramento non chegaba e a mesma Igrexa tiña que inventar bulas para desculpar e perdoar a quen buscaba fóra do leito matrimonial o amor que lle faltaba. Por iso, poñéndolle piso á querida e pagando bulas á Igrexa, seguiron sendo moi católicos quen tiña con que pagar tal dispendio sen deixar de espallar fillos ventureiros.

Nós temos un refrán que ata ós mozos á súa terra de orixe, como unha maneira de evitar o despoboamento das aldeas: «Quen fóra vai casar, chata leva ou vai buscar». Por sorte un refrán xa superado, que no seu tempo tiña o propósito indiscutible de forzar ás parellas a non abandonar a parroquia ou a aldea, para que as terras que lle correspondían en herdanza non se perdesen por venda ou deixadas a monte se casaban fóra do seu lugar de orixe.

Pero como o amor é máis forte que o matrimonio, no santuario de Nosa Señora das Ermidas, contábanos quen alí ten sido acólito, que ata non hai moitos anos, no camarín da Virxe, e sendo el testemuño, celebrábanse matrimonios clandestinos entre parellas de namorados que non se podían corresponder abertamente, xeralmente porque os pais xa lles tiñan buscado a alguén máis acorde para os intereses da familia; e daquela bendicíaos o cura en secreto, previndo que, se por un descoido ou pola euforia amatoria a rapaza quedaba preñada, non cometía pecado e xa tiñan o matrimonio adiantado. Á fin, xustificábase o exacólito, aqueles cregos non facían máis que obrar co exemplo de san Valentín, quen tamén casaba clandestinamente a aqueles namorados a quen seus pais non lles daban permiso. Razón pola que o santo pagou co seu martirio. Mais, como a ollos da divindade obraba sensatamente, cóntase que unha agradecida namorada plantou sobre a súa tumba unha roseira que florecía cada ano polo 14 de febreiro.

Milagres e lendas á parte, o de san Valentín non está moi claro. Non hai documento que testifique a súa existencia real, tanto así que o calendario eclesiástico borrouno en 1969, pero como o comercio que arroupa a este día é tan grande, e a lei da demanda é quen manda nos ritos e nos rituais, recuperouse a súa figura e el, promotor de tantos matrimonios clandestinos para que non pecasen a ollos de Deus aínda que ós de pais e sogros levantasen verdadeiras guerras e crises familiares, é o causante de que no seu día suba o IPC dos restaurantes con veliñas, das florarías, das xoierías, da lencería e das suits de hotel.