Como cantaban os carros na corredoira!

BARBANZA

J.M. CASAL

«Acéndeseche a memoria cando percorres os lameiros da vosa infancia»

27 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Acéndeseche a memoria cando percorres os lameiros da vosa infancia. Naqueles tempos tíñaslles escoitado aos vosos maiores, aqueles que por entón camiñaban polos páramos da súa vellez, dicir que non había outro lugar cun número tan elevado de solteiras e solteiros coma na aldea de Chancelas, preto da praia de Mañóns. Nós non tiñamos nin puñeteira idea destas cousas, e moito menos de concibir unha sorte de estatística que o confirmase ou negase.

O que vós sabiades naqueles días, ao vir a primavera, era contar os carros que había na vosa aldea e tamén nas veciñas. Ademais, ao mesmo tempo, podiades identificar algúns deles polo xeito que tiñan ou non de cantar. Ao chegar a estación das flores saían todos os carros aos camiños e ás corredoiras cargados de esterco para fertilizar as leiras, para ir buscar argazo á praia ou batume aos montes por enriba de Sandrenzo. «E como cantaban!, lembrades? Uns entoaban moi ben, outros chiaban e a outros púñanlles graxa de porco entre as cantareiras e o eixo para que non se escoitasen. Eran tamén os nosos maiores os que subliñaban que os eixos que mellor cantaban eran os que estaban feitos con troncos de bidueiros», rememoras.

Namentres che durou o traballo na viña de Lara, andaches moito pola aldea e por Trebonzos, e mesmo por outras da contorna. E cando te paras a rememorar as travesías que realizabas por elas, diste en voz baixa: «Aínda hai casas con alma, que é algo máis ca bonitas, nas nosas aldeas. Son casas de pedra, algunhas con portas de dobre folla. Pero é certo que hai bastantes abandonadas, pero aínda así conservan o halo do seu antiguo enigma».

Ademais cónstache que en moitas desas casas perviven as lareiras e os fornos de granito. E lembras cando a vosa nai quentaba o forno coa leña que se traía das viñas (vidras, canas, chantóns, varas…), como a que ti acabas de xuntar no medio da finca para prenderlle lume cando veña o bo tempo e che concedan o permiso para queimar. «Como recordades, o forno ten un teito ovalado e de pedra. Diante da boca ten un saínte, onde me puña a quentar cando era pequeno no inverno, polo cal teño pillado moitas veces os sabañóns. Había unha porta de madeira grosa cunha asa no medio que encaixaba perfectamente na boca e que, cando se vertía a masa para facer boroa ou pan ou para as empanadas e outros alimentos, se selaba con barro ou bosta de vaca para que non fuxira a calor. Pero antes disto, cando estaba ben quente, había que retirar a borralla que deixaba a leña e limpar o piso do forno», pensas en alto.

No voso caso, a adega, que era tamén de pedra e con tella do país no teito, estaba ao lado da corte, xunto á que ficaban os cortellos das galiñas, das ovellas, pois os dos porcos estaban moito máis protexidos, no cuberto, o mesmo que o carro, que era dunha soa cabezalla ou temón e un xugo de dúas prazas que se suxeitaba á chavella. Isto foi así mentres houbo na casa máis dunha vaca. Cando só quedou unha, entón aparcaron o vello carro e fixeron unha «cucaracha», un artefacto con dúas cabezallas e xugo dunha soa praza e o animal encaixábase no medio.

Paraches de recordar para logo murmurar en voz queda: «Agora que o penso, vellos compañeiros, dígovos que a nosa aldea non era de burros nin burras. Seguramente algún animal desta raza posiblemente houbese, pero non o lembro. E sen embargo, como eran listos e resistentes para o traballo, tiñan moita aceptación nas aldeas do monte ou do interior. Iso si, tiñan un gran defecto, eran tercos coma mulas». E insistes: «Listos. Un amigo dunha aldea da montaña de Ourense cerca da fronteira, contoume unha vez que para o contrabando na raia usaban burros. Nunha ocasión, cando ían pasar unha tonelada de bacallau, veu a Garda Civil e confiscou o material e os animais. Subíronos a un camión e leváronos para o cuartelillo. No camiño quedaron atrás dous animais, pero estes en vez de volver para a aldea, seguiron para o cuartel do posto: coñecían de memoria o percorrido de tantas veces coma os tiñan detido».