O demandado progreso

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

«A explanada do porto, onde algún día nosos pais e avós xogaban á chave, é hoxe un enorme aparcadoiro onde abundan as terrazas de bares con vistas ó mar e escasean as tendas de efectos navais», por Francisco Ant. Vidal

12 mar 2022 . Actualizado a las 22:05 h.

A explanada do porto, onde algún día nosos pais e avós xogaban á chave, é hoxe un enorme aparcadoiro onde abundan as terrazas de bares con vistas ó mar e escasean as tendas de efectos navais.

Gústanos volver a percorrer as paisaxes do pasado, aqueles lugares da nosa infancia e adolescencia onde, segundo o dito popular, fomos felices, pero non creo que tanto. Foron mellores porque a nosa mente ten a capacidade de desbotar aquilo que non nos é grato para quedar co que nos gusta. Pero non podía ser moi bo un tempo no que para ir á escola tiñamos que pasar por verdadeiros lameiros que ás veces se mitigaban botando por encima un camión de cunchas das fábricas de conserva, ou cando o mestre nos tomaba a lección ameazando cunha vara ós cotelos se te equivocabas nunha coma.

Sen embargo, entre os amigos con quen comparto lembranzas si botamos de menos moitas daquelas paisaxes que agora difundimos nas redes sociais, os tarais que había na praia e que o moderno paseo marítimo abateu para deixarlle sitio ás toallas, ou o camiño do instituto, de sempre polo medio do que agora é un cámping que deixa para os viandantes un aberrante e estreito paso onde se mesturan paseantes e ciclistas que só poden ir en fila de un sobre o abismo mariño. Porque non todo o que se pensou facer para mellorar mellorou o que se tiña.

Entre os amigos de Facebook son moitos os que de cando en vez comparten ou nos amosan unha foto en sepia para ver quen lembra onde era ese peirao de madeira ou aquela construción que albergaba un refuxio de pescadores. E con esa nostalxia do pasado vannos amosando antigas procesións, vellos oficios e inexistentes edificios, algúns realmente moito máis fermosos e interesantes que os que viñeron a substituílos e que agora, ó velos nas redes, fannos entrar nunha especie de saudade polo pasado mellor ou peor intervido, na maioría dos casos directamente pola actividade humana, obrigándonos a reformular a eterna pregunta, de se realmente calquera tempo pasado foi mellor. Porque non todo o moderno vén para mellorar. Talvez cada xeración ten a necesidade de impoñerse á anterior, a vella loita xeracional que tantas veces nos cega e non nos deixa ver e valorar as cousas boas que fixeron os vellos e non deberíamos destruír, pero ese afán por renovar ten esa outra cara da destrución.

Iso que se vén chamando a solastalxia, esa dor que sentimos ó ver as paisaxes, a casa, a vila da nosa infancia desfigurada polo eterno afán de romper co vello como se iso fose a razón principal do avance social, ese tan demandado progreso que semella non chegar nunca, porque incluso o que onte era prosperidade, agora está chamado a deixarlle paso á nova modernidade. Aquelas fábricas que hai cen ou douscentos anos modificaron a fachada marítima das nosas vilas en pro do tan demandado desenrolo, foron substituídas por complexos hoteleiros e apartamentos, obrigando a ser recepcionista a quen quería ser enxeñeiro ou pescador, trocando os roles laborais e económicos, tamén en pro dun mal chamado progreso, mentres as redes sociais nos seguirán amosando as desfiguradas paisaxes do pasado para que todos, dalgún xeito, lembremos o que perdemos ou non fixemos adecuadamente.