«Agora tamén hai algunhas casas contemporáneas con espazos amplos e menos estancos e portas corredoiras, pero son a gran minoría»
15 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Se viven nunha vivenda urbana moderna —menos de 80 anos— e lles pido que a describan, case vou acertar co que eu me estou imaxinando: un único salón, unha cociña —ás veces integrada no salón—, varios dormitorios estancos cunha xanela exterior e unha porta de 2,03 metros de alto, un baño xeral e, talvez un baño privado, todo conectado por un corredor e ás veces un recibidor. A altura entre teito e chan é de 2,50 e o corredor será de 1,00 aproximadamente. E como a súa, hai centos de vivendas similares, do mesmo patrón.
As casas anteriores urbanas —as non modernas— tiñan de altura entre 2,75 e 3,00 metros. As portas eran máis altas e tiñan un vidro superior, moitas veces eran de dúas follas que estaban abertas todo o día, e os distintos cuartos estaban comunicados entre si, de xeito que a luz que entraba polo sur enrasaba o teito ata a outra fachada, creando un espazo único, que facilitaba moitas veces evitar acender luces, e ter unha relación máis estreita e máis colectiva.
Non había un único espazo de salón, polo que podía haber varios grupos familiares en actividades distintas, e eses salóns tiñan varias portas, o corredor era moito máis un espazo que un lugar de paso. Os dormitorios non adoitaban ser espazos utilizados de día, como hoxe. Moitas casas tiñan unha galería orientada ao sur á que daban varias estancias, a través de portas que permanecían abertas todo o día e pechábanse pola noite para gardar a calor acumulada de día.
Agora tamén hai algunhas casas contemporáneas con espazos amplos e menos estancos e portas corredoiras, pero son a gran minoría.