A comarca é a zona de Galicia onde máis persoas empregan exclusivamente o idioma autóctono, pero o seu uso habitual acumula anos de retroceso
16 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O último barómetro de Sondaxe amosaba que, no día a día, os residentes en Galicia empregan máis o castelán que o galego, especialmente no eido profesional e no educativo, e evidenciaba tamén que o uso dun idioma ou outro difire segundo a comarca da que se trate. Non é novo que o entorno da beira norte da ría de Arousa e os concellos de Muros-Noia concentran unha das maiores porcentaxes de galegofalantes da comunidade, porén, o uso da lingua autóctona está retrocedendo. Faino, ademais, a pasos de xigante, posto que en apenas dúas décadas a área de Barbanza perdeu a cuarta parte dos monolingües en galego que tiña a comezos do século XXI.
Segundo os datos recompilados por Sondaxe, na zona de Barbanza e Muros-Noia, un 57,9 % da poboación emprega exclusivamente a lingua de Rosalía, o que converte a bisbarra no territorio con maior número de persoas que falan unicamente no idioma autóctono, por diante do sur e o centro de Ourense, onde a porcentaxe é de 57,4 % e 56,9 %, respectivamente.
Podería pensarse que o dato da comarca barbancesa é moi positivo, pero se se compara co panorama lingüístico que había a comezos dos 2000, e incluso coa situación de hai unha década, a percepción cambia. Segundo as cifras do Instituto Galego de Estatística (IGE), no 2011 os habitantes de Barbanza que utilizaban unicamente o galego supuñan o 67,3 % do total, case dez puntos máis que na actualidade, mentres que no 2001 esa porcentaxe elevábase ata o 81,7 %, practicamente un 24 % máis que na última enquisa de Sondaxe.
As causas
Tomando como referencia estas porcentaxes e as cifras oficiais de poboación, pode facerse unha estimación do número total de monolingües en galego que habitan na área barbancesa: arredor de 66.550, fronte aos 82.936 contabilizados hai unha década. Este descenso de galegofalantes súmase aos máis de 19.000 que se perderon no decenio anterior.
Este fenómeno explícase, por un lado, polo avance do uso do castelán, especialmente nos espazos urbanos, e tamén no feito de que é nas zonas rurais e tamén máis envellecidas nas que máis se utiliza o idioma de Rosalía. Son, precisamente, os ámbitos que máis poboación perderon nos últimos anos.
Con todo, a comarca segue a ser una das zonas nas que máis presenza ten o galego e na que se usa de forma máis maioritaria. Aínda que a proporción de veciños que falan exclusivamente en galego baixou, segue a estar moi por riba do 50 %, una cifra que só acadan outras catro rexións de Galicia. Ademais, se ao número de monolingües se suman os que falan máis en galego ca en castelán, a porcentaxe da bisbarra elévase ata o 72,7 %, o que a converte na segunda zona de Galicia con maior uso da lingua autóctona por detrás de Ourense, onde está no 73,3 %. Pola contra, por debaixo do 50 % de uso maioritario estarían as zonas urbanas de Pontevedra, Vigo, A Coruña e Ferrol.
«Hai que levantar o veto na educación para o uso do galego»
Onte mesmo dábase a coñecer un acordo entre a Xunta e Netflix para a dobraxe ao galego de contido audiovisual nesa plataforma, un logro que para a Mesa pola Normalización Lingüística é importante, sobre todo de cara a ofrecer contidos ao público máis novo. Niso incidía Luís Pérez Barral, membro da institución e técnico de normalización, que recoñecía que o retroceso no uso da lingua autóctona é unha realidade incontestable: «Os datos demostran que vai a menos, e está claro que o ensino está a ser un factor de castelanización importante, derivado do decreto do plurilingüismo».
Destaca propostas como a Iniciativa Xabarín para levar o galego ao terreo audiovisual, pero recoñece que non será fácil reverter a situación actual: «Hai que lexislar para favorecer o uso da lingua galega, sobre todo en ámbitos nos que non se usa, como pode ser o xudicial, por exemplo. Pero o fundamental é levantar o veto que hai na educación para o emprego do galego en materias de ciencias, e a partir de aí empezar a aumentar os ámbitos de uso da lingua».
Na rúa
Vai paseniño, sen facer ruído, sen que apenas se note, pero as cifras evidencian que o uso do galego vai a menos. E non só os estudos estatísticos apuntan nesa dirección, tamén a rúa. A pouco que un se fixe constatará que en lugares nos que apenas se falaba o castelán, este está cada vez máis estendido en detrimento da fala propia.