Non é nada novo este afán que temos por acaparar cousas vellas que nos serven de adorno e incluso de marca distintiva da nosa estirpe, xa o facían os nosos antepasados hai máis de cincocentos mil anos, e nosoutros aprendemos a apreciar e posuír obxectos desde que empezamos a cambiar cromos na porta da escola, regateando con eles, porque sempre había uns que tiñan máis valor ca outros, xa fose por escasos ou porque lle interesaban a alguén en particular. Con aquel primario mercantilismo de coleccionistas tamén aprendemos a conservar e darlle valor ás cousas, máis polo que significan ca polo que valen. Por algún lugar das nosas casas aínda han de andar a colección de pelouros, de buxainas, de selos ou de caixas de mistos estampadas con bolboretas. E cos anos tamén fomos reunindo outros obxectos, uns herdados e outros buscados en tendas de antigüidades. Un reloxo de péndulo, o sextante dun avó ou a libreta de marcas fanequeiras dun antepasado. Son pequenos tesouros cargados de lembranzas.
Segundo Xulio, o coleccionismo é algo que nos distingue como seres racionais, pero sobre todo é o querer conservar aquilo que pertenceu ós nosos devanceiros como un medio para manter a súa presenza. Non é raro ver adornando o xardín dalgunha casa a Vespa que fora do pai ou o arado que usou un bisavó de quen xa non quedan recordos. Dáselle valor ó vello máis como lembranza de quen o usou ca como aparello de uso.
Tras o pasamento dun familiar, é normal que se cedan e repartan os efectos persoais do finado entre os achegados, como unha maneira de conservar a súa memoria por medio daquilo que o finado posuíu en vida, entregados con frases do tipo «a el gustaríalle que o tiveses ti». Poñer no pulso o mesmo reloxo que usou noso pai ou nas orellas os pendentes de nosa nai é algo así como amosar a estima por eles compartindo e apreciando o que era seu, algo que temos por normal nunha sociedade ó tempo posesiva e sentimental como é a nosa.
Sen embargo isto non é novo nin cousa das sociedades modernas, como vén de descubrirse nun xacemento arqueolóxico do sur de Israel, onde aquelas xentes prehistóricas de hai medio milenio ou máis, xa conservaban, coleccionaban e incluso reutilizaban as mesmas ferramentas dos seus antepasados, polo xeral pezas que xa foran descartadas por vellas e ás que lle daban novos usos. Eran pedras talladas que perderan o gume, pero volveron a ter unha segunda vida coa seguinte xeración, segundo se desprende da análise das distintas capas de terra ou elementos orgánicos que quedaron nelas, demostrando que o seu último posuidor usou ou reacondicionou algunha pertencente a unha xeración anterior, xa porque a recibise por herdanza ou porque a atopou, e para non borrar a marca do primeiro dono, unhas veces tallaba un novo gume e outras, cando non podía usala para cortar, usábaa para raspar, procurando manter a forma orixinal da mesma ou modificándoa o menos posible.
Estas ferramentas eran, á fin, pezas que tanto podían evocar ós seus maiores como a conexión da súa familia con algún lugar determinado.
Como queira que sexa, tanto aquelas persoas de hai cincocentos mil anos coma nós, conservamos as cousas porque somos uns sentimentais.