Ao pé da casa

Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

M.C.

05 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Algunhas empresas están fuxindo de China e regresan a Europa, outras relocalízanse na rexión de orixe. Os últimos acontecementos mundiais e estatais son unha chamada de atención á reflexión sobre o modelo de negocio alimentario, tamén sobre outros ámbitos.

Un repolo non ten por que trasladarse centos de quilómetros da leira para telo na nosa mesa. Vai en contra de toda lóxica, máxime nun territorio que produce case todo o que necesitamos para vivir. O noso clima é excelente, os nosos prados e soutos son verdadeiros verxeis para os nosos animais domésticos. Falo da soberanía alimentaria, un novo concepto que nos recorda o pasado agrícola e gandeiro, e que hoxe pode ser máis doado afrontar. Hai un pequeno obstáculo: o microfundismo e a estaticidade das terras.

Hai exemplos do proxecto no que estou pensando. Unhas mulleres de Lamas (A Estrada) puxeron en marcha unha iniciativa cooperativa, na que venden produtos de proximidade, cultivados polos propios veciños da parroquia. Son os consumidores os que van polas instalacións a recoller produtos agroalimentarios, como nun supermercado convencional, como nas tendas de barrio, algunhas das cales tamén venden eses produtos.

Na parroquia naronesa de San Mateo acadaron un estadio máis e construíron un supermercado no que se venden eses produtos, con independencia do circuíto comercial e marca foránea. Se un produto do lineal do súper é máis barato do que é un de proximidade, algo falla no sistema e alguén está sendo explotado. Aínda que nos saia máis caro, eses cartos reverterán na nosa comunidade. Pensémolo.