15 anos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

PACO RODRÍGUEZ

26 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Apasada semana chegoume unha carta do xulgado cun cheque para cobrar. Non todos os meses se reciben novas tan agradables, nin sorpresas tan estrañas. O máis inaudito foi saber o porqué da chegada dun cheque que non agardas recibir: o pagamento dun traballo realizado hai 15 anos; por certo, sen xuros pola tardanza —se fose ao contrario, haberíaos—.

Xa nin recordaba que a principio de século fora inseculado por un xuíz para dirimir asuntos técnicos e económicos relacionados coa Cidade da Cultura, e onde vai que esta casa está rematada. Aínda que para min foi importante, para vostedes pode ser irrelevante o asunto, pero caben varias reflexións que si o son. Non se pode pagar un traballo experto 15 anos despois, é vergoñento. Non poden durar tantos anos os preitos en pecharse, sobre todo cando tocan materias de familia ou penais pero tampouco en cuestións civís. Parece un desprezo cara o pobo que os xulgados sexan tan lentos e pouco eficientes. Empresas e familias enteiras arruínanse por mor da lentitude destas institucións. Ata a pandemia funcionaban vía fax, cando este artefacto deixouse de utilizar no século pasado. Ata hai meses non existía o correo electrónico nin as videoasistencias, e os procedementos utilizados distan moito da eficiencia que necesita un servizo tan importante. Sempre van por detrás da sociedade, cando os asuntos que se resolven poden ser relevantes nas nosas vidas.

Non mencionarei o adxectivo que utilizou un alcalde de Xerez porque trata doutros argumentos, pero algún sinónimo iríalle ao pelo. A ver se lle poñen o cascabel ao gato.