Grazas ao seu conterráneo Francisco A. Vidal, énos agora coñecida a figura, e a obra, de Ignacio Martínez Malvido, nado en Sanxenxo en 1839, pero afincado en Palmeira, cando menos desde 1863, onde casou con Amalia Varela Mariño e, xa viúvo, en 1887, en segundas nupcias, con Vicenta Martínez Garabal. Mestre por oposición, estivo sempre moi preocupado pola situación socioeconómica do Barbanza, da que deu conta nos artigos publicados en La Voz de Galicia.
En 1885 editou en Vilagarcía, no prelo de Ladislao Rodríguez, unha obriña pedagóxica, La perla agrícola, ó sean Principios Generales de Agricultura teórico-práctica, un folleto de corenta e seis páxinas, estruturado en 11 partes e organizado coma un catón de preguntas e respostas, un modelo que xa seguira Manuel Murguía en La primera luz (1959) e logo outros mestres da nosa bisbarra como Vicente Piñeiro ou Hermida Juanatey. As preguntas e respostas de Martínez Malvido ocúpanse de cuestións agrícolas para que os seus alumnos, mentres aprenden a ler, aprendan os labores do campo. Grazas a Francisco A. Vidal, a Barbantia e ao Concello de Ribeira, que correu cos gastos, en 2019, reimprimiuse La perla agrícola, con prólogo do seu descubridor e engadindo un dos artigos do mestre aparecido o 20 de outubro de 1882. A obra ía dedicada ao catedrático Antonio Piay Álvarez.
Sería desexable que se reunisen os artigos de Martínez Malvido para coñecer a situación económica no Barbanza a fins do XIX. O mestre faleceu en Palmeira en 1930.