Cortén

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

«O cortén é ese aceiro que sempre está oxidado, dende que se coloca, e que ten tantos admiradores como detractores»

03 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O cortén é ese aceiro que sempre está oxidado, dende que se coloca, e que ten tantos admiradores como detractores. Hai quen está namorado del, porque a súa textura é diferente a calquera outro material, pero hai quen o detesta porque lle recorda a algo deteriorado. Non é frecuente velo polas nosas costas, porque a letra pequena dos fabricantes di que non se pode instalar a menos de mil metros do mar, porque se altera o proceso natural de oxidación, ofrecendo unha imaxe penosa e decadente.

Basicamente, é un aceiro especial que se oxida sen perder as súas características, polo que non se pode entender o óxido como un problema senón unha propiedade estética. O problema do cortén é que cando chove, a auga leva consigo a pátina superficial e mancha o soporte, a pedra ou calquera outro material que teña debaixo: véxase o peche do Parlamento de Galicia como exemplo.

Tardei en decatarme que os seus inventores tiñan unha solución para evitalo: nos rañaceos do Chicago dos grandes mestres modernos puiden comprobar como na base leva un pequeno rego para recoller os refugallos metálicos, evitando oxidar as prazas e rúas. Tamén é certo que en España esa solución non funcionaría, porque non se limparía periodicamente o rego, xa que non temos o costume do mantemento dos edificios que teñen noutros países. O de sempre, queixámonos do óxido pero non limpamos.

Así que cando vexan a fachada dun edificio, un monólito ou escultura oxidados, é probable que sexa a obra dun amante do cortén, non que estea oxidado. Poden namorarse del ou aborrecelo.