«Ninguén queda a salvo das trapalladas que están emendrellar gran parte do territorio no que se actúa»
10 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O da fealdade ou feísmo parecían conceptos indeterminados e subxectivos ata agora, malia que este xornal leva anos promovéndoos, e que o que subscribe creou outras marcas para definir algo que case todo o mundo xa ve como unha eiva, grazas a dez anos de predicacións.
Pero este pasado mes, Andrés Rubio abriu a caixa dos tronos coa presentación do seu libro España fea, que colmatou os máis importantes medios de comunicación, e poñendo sobre a vidreira o escenario creado nos últimos cincuenta anos en gran parte do estado.
Outro xornal, galego, publicou unha interesante reflexión co título O descrédito do urbanismo, no que Pedro García Vidal criba as actuacións urbanísticas galegas no mesmo senso.
Un e outro conflúen nas hipóteses que levo moitos anos ilustrando sobre a nosa peculiaridade no estrago da paisaxe, ben por medio do «ti vai facendo», ben baixo o paraugas de desastrosos plans urbanísticos, redactados á medida da especulación, non unicamente dos profesionais promotores, senón do propio pobo, que ven nos plans o agasallo dos Reis Magos.
Ninguén queda a salvo das trapalladas que están emendrellar gran parte do territorio no que se actúa, nin os propios arquitectos, que en moitos casos carecen da sensibilidade necesaria ou a ética paisaxística, nin os responsables políticos que as permiten, nin o propio pobo que leva anos afeitos á vulgaridade.
Tanto Rubio como García Vidal consideran o territorio construído nos últimos cincuenta anos como o maior fracaso da democracia en España.
Un completo argumentario contra eses detractores universitarios que a negaban.