A casa galega sempre tivo un espazo entre o tellado inclinado e a propia vivenda o faiado —faio—, que ademais de ser unha cámara de transición entre as inclemencias climáticas e a vivenda é un espazo para gardar os obxectos que xa non se usan.
É ademais un espazo incómodo pola inclinación dos faldróns, nos que non é a primeira vez que batemos coa cabeza. Pero, como noutras ocasións, os galegos imitamos aos de fóra e houbo quen o veu como un espazo de oportunidade inmobiliaria facéndoo habitable en edificios, vendéndoo como ático, que con ese nome —falso, porque ático é o andar máis alto con gran terraza—, causou furor hai 40 anos en Galicia.
Nada máis incómodo que vivir no faiado, por moita fascinación que poidamos imaxinar, mesmo con terraza.
Aproveitar o espazo baixo a cuberta para gañar en número de vivendas provocou ter que buscar un novo lugar para almacenar os trastes, e de aí naceu o chamado trasteiro —rocho en galego—, que desprazaron ás plantas de soto, mesturado coas prazas de aparcamento, con tufo a monóxido de carbono e cunha humidade que lles fai perder a verdadeira utilidade dun rocho.
Nos grandes edificios, estes rochos chegan a ter unicamente dous metros de superficie, a estar enlatados en grandes corredores sen ventilación, espazos que cheiran a humidade que estraga os trastes, que ao facer os pisos máis pequenos, chegan a ser almacéns de cousas que non collen na vivenda.
Realmente, o único que se lles pode chamar é bodegas, porque o viño está tranquilo, húmido e frío, pero non serven para moito máis, aínda que nolos venden como un plus da vivenda.