Casas reitorais II

BARBANZA

28 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

noso país afronta problemas estruturais consecuencia da deriva dun modelo rural diverso a outro urbano —aínda que estea no rural, en parte— centrado no turismo, ocio e hostalería, que provoca o abandono rural e o despoboamento, e por extensión a perda da custodia do territorio, do patrimonio e do modelo agrícola, patrimonio inmaterial. Por outra banda, hai anos que as administracións non ofrecen vivendas de titularidade pública asequibles para a mocidade e as familias.

O feito de termos tantas casas reitorais e parroquiais en desuso pódese aproveitar para explorar modelos de reasentamento, botando man do cambio de tendencia que supón a pandemia, creando vivendas públicas naqueles concellos con reto demográfico e moitas posibilidades de acadar unha vida san e digna.

Un dos catro proxectos que presentamos aos fondos europeos, co apoio de entidades e institucións, e coa colaboración eclesiástica, propón a rehabilitación e rehabitación de corenta casas reitorais para un dobre uso: por unha banda, crear vivenda pública, baseándonos no modelo das casas dos mestres, co compromiso de manter e divulgar o patrimonio agrícola e de custodiar o patrimonio cultural da contorna, pero tamén crear centros de turismo alternativo (preparar oposicións, retiros, investigación) a cargo dos propios concellos. Complétase coa reforma básica de dez mosteiros como aceleradores culturais do rural.

É unha proposta innovadora, con antecedentes exitosos noutros países, que pode servir de base para a recuperación do noso territorio, o máis rico en patrimonio cultural, material e inmaterial.