Enerxía e necesidade

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal FRANCISCO ANT. VIDAL

BARBANZA

Bernardo Codesido

«Que o tempo anda tolo dicíao meu tío avó cando non lle conviña que chovese ou fixese sol»

09 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Que o tempo anda tolo dicíao meu tío avó cando non lle conviña que chovese ou fixese sol. E supoño que se vivira nestes anos mercaríalle unha camisa de forza para telo controlado, se é que alguén pensa que se pode controlar. En plena semana de san Xoán pasamos de usar camisetas de manga curta a saír con un chuvasqueiro para ver as fogueiras ardendo a cámara lenta.

Din os entendidos que todo é culpa do famoso cambio climático, do efecto invernadoiro que produce esta nosa sociedade mecanizada en que motores de todo tipo non fan máis ca cuspir gases que nos envolven nunha especie de tea onde os raios do sol quedan atrapados como se vivísemos dentro dunha acristalada galería orientada a sur, iso que os arquitectos chaman o muro Trombe.

Aseguran os científicos, quen son quen realmente saben disto, que lle temos que por remedio a ese sobrequecemento, porque se non as patacas agostaranse antes de tempo, os xeos polares derreteranse e o mar subirá tanto que non imos ter sitio para estender a toalla ou onde apañar ameixas e berberechos. Pero aínda que nos poñan en alerta con imaxes tan rotundas como as dos paquetes de tabaco, seguimos na inercia de ficar a velas vir, sen portar polos seus consellos para pórlle remedio antes de que sexa tarde. Tamén as políticas do benestar retraen ós nosos dirixentes, que a ver a quen se lle vai ocorrer prohibir que se movan os avións e os coches ou que se acenda a calefacción ou o aire acondicionado agora que nos acostumamos a usalos. O problema é sempre se preferimos que as chemineas das fábricas fumeguen ou non.

Parece ser, que nos EE.?UU. teñen agora (xa veremos ata cando) o ambicioso obxectivo de reducir eses gases de efecto invernadoiro nun cincuenta por cento antes do 2030. Algo que se ben é posible, falta saber se todos están dispostos a asumilo, non nos vaia pasar como co aforro dos vinte céntimos que as petroleiras absorberon sen darnos tempo a encher o depósito do utilitario.

Os números para acadalo son moi claros: entrar de cheo no emprego de enerxías alternativas e fomentar o uso do coche eléctrico, pero ¿van permitir os donos dos campos petrolíferos texanos ese cambio? ¿Que dirán os mercados financeiros da inversión que lle supón ás automobilísticas cambiar todo o sistema de produción deixando de fabricar pistóns para facer bobinas?.

Eu era dos que pensaban que estabamos en plena revolución informática ou electrónica, pero polo visto a que nos vén é a revolución enerxética na que, ó contrario desa outra ou da industrial do século XIX, aquí non son os currantes os que van ter que adaptarse, senón os avariciosos petos dos mal chamados emprendedores, que levados pola inercia do deixarse ir indo, non queren abandonar as vellas formas para adaptarse ás novas demandas. E contra estes todopoderosos señores da enerxía non hai ministro nin presidente que poida. ¿Quen ousará desafialos dicíndolles que se seguen subindo o recibo da luz precintamos o interruptor?

E hoxe porque hai unha guerra e mañá porque non a hai, seguiremos agardando polo verán para acollernos á raxeiriña da soleira esperando que dentro de tres meses acender a estufa non sexa peor ca acender a lareira con billetes de banco.