Se nos remontamos virtualmente a seis mil anos atrás podemos imaxinar como era a vida naqueles primeiros asentamentos urbanísticos planificados de Galicia, estratexicamente situados en lugares de defensa privilexiada. Parécenos que hai moitos, pero non son unha gran cantidade, en proporción coas aldeas do medievo e posterior evolución: aproximadamente un cuarto dos asentamentos que temos na actualidade.
Cando vivían nos castros aínda non descubriran o potencial agrícola e climatolóxico do noso territorio. Foi nese momento, coa protección dos señores feudais, cando se espallaron xeometricamente por toda a paisaxe, multiplicando por catro o número de localidades habitadas.
Nos últimos cincuenta anos vivimos un cambio de paradigma cuxo futuro nos é incerto, pero que deixa no abandono un oito por cento das poboacións que tiñamos, e de non actuar de contado, a natureza quedará liberada para colonizar todo o que o home abandone, cubrindo as pedras, a madeira, a tella e o cal, creando un universo de ruínas que os arqueólogos do futuro verán como ven hoxe os asentamentos castrexos.
Non lles chamarán castros, pero haberá escavacións e visitas guiadas, pescudando no noso modo de vida agrícola de finais do século XX. Quizais as madeiras podrezan, os panos e ferramentas tamén, pero quedarán as pedras.
Os socalcos e os valados de pedra serán estudo dos futuros investigadores como parte do modo de vida agrícola que xa case non existe hoxe. Haberá unha materia universitaria que estude o modo de vida dos derradeiros labregos galegos. Somos un grao de area.