Ana Pontón defende en Ribeira a posta en marcha dun servizo galego contra os lumes

christopher rodríguez / M. G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A líder do BNG quixo coñecer de primeira man o impacto do incendio de Barbanza

19 ago 2022 . Actualizado a las 19:19 h.

Con motivo do recente incendio que afectou á serra do Barbanza, a líder do BNG, Ana Pontón, visitou no día de hoxe Oleiros, unha das zonas que sufriu con virulencia os efectos do lume. Alí, ademais de comprobar en primeira persoa as devastadoras consecuencias no cámping Ría de Arosa, defendeu a posta en marcha dun servizo galego contra os lumes: «Temos que apostar por un servizo de loita e de prevención contra os incendios forestais que sexa 100 % público, dependente da Xunta e que traballe todo o ano».

A portavoz dos nacionalistas galegos quixo facer fincapé na importancia de combater os lumes antes de que estes se produzan, destacando tamén a necesidade de ter uns bosques limpos e ben xestionados para evitar males maiores: «Hai que ordenar, xestionar e apostar por un monte con varias funcións. Esa é a maior garantía de que non imos a ver repetido o desastre que estamos sufrindo nestes días».

Esixencia de medidas

Ademais, Pontón mostrou a súa preocupación por dúas problemáticas relacionadas co incendio de Barbanza e sobre as que considera que o goberno autonómico ten que intervir de inmediato: «Esiximos que se tomen as medidas necesarias para impedir que a cinza dos montes chegue ao mar en caso de choivas. Do mesmo xeito, pedímoslle á Xunta que interveña e que colabore coas comunidades de montes para recuperar o queimado».

Os lumes non foron o único tema no que a líder do BNG quixo incidir durante a súa presenza en Ribeira, xa que tamén tivo tempo para afondar na situación da atención primaria: «Existen unhas listas de espera inasumibles. Dende hai anos estase producindo unha precariedade e un desmantelamento da sanidade pública do noso país. O goberno ten que dar a cara polo caos sanitario que estamos vivindo en Galicia».