Unha chuvia de viño bendiciu o reencontro dos rianxeiros coas festas da Guadalupe
BARBANZA
Os Quinquilláns trouxeron á vida a Castelao e á Rianxeira para o pregón
10 sep 2022 . Actualizado a las 18:54 h.Por fin, despois de dous anos de ausencia, as festas da Guadalupe volveron a Rianxo por todo o alto e, como manda a tradición, co Chupitaso e a chuvia de viño que bendiciu a volta das celebracións trala pandemia. Coa explosión de xúbilo á medianoite do venres a vila viaxou no tempo e foi coma se non levara dous anos sen honrar á Moreniña como merece. Os que tamén viaxaron no tempo foron Castelao e a mesmísima Rianxeira, que neste sábado se encargaron do pregón reencarnados nos Quinquilláns.
O cambio fundamental do inicio desta primeira Guadalupe poscovid foi que, por primeira vez en décadas, non estaba o Xixí presidíndoo, aínda que si estivo moi presente porque as alusións a el foron inevitables, desde o aplauso que se lle dedicou ata a homenaxe dunha das peñas, bautizada como Abuelo Xixí. As novas formacións de juadalupeñas compartiron espazo con outras xa históricas, como Perdoa... Estaba Borracho, Bebamos coma Rianxeiros ou Sexto Sentido, nunha praza Castelao ateigada e na que o colorido das camisetas competía co dos que optaron pola indumentaria con reminiscencias aos anos 80.
A falta de Xixí para pedirlle sentidiño á mocidade, foi Xián o que tomou a palabra para recordarlles aos presentes que, se ían beber alcohol, non colleran o coche. Fíxoo desde o palco no que logo soaría a música ata altas horas da madrugada. Iso, que os organizadores se dirixisen ao público desde o palco, foi outro cambio substancial, xa que o habitual é que o discurso de benvida e o Chupitaso sexan desde o balcón da casa consistorial, no outro extremo do Campo de Abaixo. Isto tivo un pouco despistadas ás peñas, que como as ondiñas da canción, ían e viñan dun lado a outro da praza formando unha marea de cor sen saber moi ben onde ía ser o Chupitaso.
Resolta a confusión, por fin, chegou o gran momento, o estoupido que marca o arranque das celebracións e o desenfreo dunha vila que levaba dous anos agardando para reencontrarse coa Guadalupe.
Ilustres pregoeiros
Moito máis tranquila foi xa a mañá desta sábado, na que o acto central foi o pregón que dá inicio de maneira oficial ás festas e que este ano contou con dous ilustrísimos convidados: Castelao e a Rianxeira. Foi o pai do galeguismo o primeiro en subir ao escenario. Non fixo falta que se presentara, as pistas que foi dando sobre a súa traxectoria e a súa vinculación coa vila, incluso as súas colaboracións nos festexos de Rianxo, como cando fixo o cabezudo de Peito de Lobo, «a persoa máis horrorosa desta vila», foron abondo para adiviñar de quen se trataba.
Porén, cando o numeroso público congregado na praza daba por sentado que Castelao sería o pregoeiro, apareceu a verdadeira protagonista da xornada. Cunha patela na cabeza coma unha pesca de ben, presentouse a mesmísima Rianxeira, a orixinal, a reencarnación da canción que hai 75 anos naceu na Arxentina. «Como cumpro 75 anos aquí está a xente esta toda para renderme homenaxe», explicou, relegando a Castelao a ser «o homenaxeado consorte, porque sen vostede eu tampouco existiría», remarcou, aludindo á primeira vez que soou a canción en Bos Aires.
E así, entre anacos da historia do que é o segundo himno de Galicia, das súas orixes á súa chegada a Rianxo e a nova versión —a que se canta hoxe en día— xurdida no 1952, fóronse intercalando estrofas da composición orixinal. E foi esta, a primeira canción, a de 1947, a protagonista da xornada e da primeira cantata da Rianxeira deste ano.
A Moreniña fará o tradicional percorrido pola ría
Había temor a que a chuvia magoase o día grande das celebracións rianxeiras impedindo que se levara a cabo a procesión marítima, pero parece que as previsións son favorables e A Moreniña poderá facer o seu tradicional percorrido pola ría.
Antes diso, ás 10.00 horas, a Banda de Gaitas Buxaina de Taragoña e a agrupación musical de Teo encargaranse da alborada, mentres que ás 12.00 celebrarase a misa solemne no Campo de Arriba, trala cal sairá a procesión.
Xa pola tarde, a Banda de Música Cultural de Teo ofrecerá un concerto, e na praza da igrexa haberá unha mostra da Asociación do Traxe Galego. Ás 19.00, no paseo da Ribeira, outra das citas máis celebradas do programa, o baile-romaría a cargo do grupo Fussion. Pola noite, tomarán o relevo na verbena as orquestras Status e Panamá.