Hai uns días presentouse en Santiago o proxecto de David Chipperfield, o COAG e a Xunta baixo o nome de Axenda Territorial de Galicia, que pretende artellar o territorio, a paisaxe e as nosas conexións para aproveitar o potencial que ten Galicia, relativo á proximidade, ao modelo de recursos naturais, humanos e agroalimentarios, poñendo fincapé en manter ese feito diferencial e mellorar a nosa relación coa paisaxe, tendo piedade por ela e poñendo as bases para mellorala.
Nun encontro que superou as expectativas de asistencia, participaron varios relatores entre o que estaba o catalán Josep Bohigas, da axencia de desenvolvemento Barcelona Regional, que falou de mobilidade, e espetou unha frase que ninguén entendeu, e que na quenda de preguntas quedou sen resposta: «O uso do coche particular ten os anos contados».
Visto dende unha grande urbe é posible pensar así, visto dende fóra de Galicia igual tamén, pero os que vivimos neste país das miles de vías de comunicación e miles de asentamentos poboados, sabemos que é unha utopía irrealizable, e ata unha proposta apocalíptica, que reduciría Galicia ás cidades do eixo atlántico e pouco máis. Non quero imaxinar intentar traballar dende Muros, Noia, Muxía ou Malpica dependendo do transporte público. Non porque na actualidade sexa caótico e ineficaz, senón porque coa nosa dispersión territorial non se pode proxectar unha rede pública de transporte eficiente e rendible. Vendo o rumbo do deseño actual é todo o contrario, aniquilando a pouca rede ferroviaria que herdamos. Coa privatización aínda se antolla máis incrible.