Luís Piñeiro, presidente de Cabo da Cruz: «Atreveríame a dicir que agora mesmo somos o segundo mellor club de España en traiñeiras»

BARBANZA

O novo presidente quere que os veciños de Boiro sintan que son partícipes da entidade
05 dic 2022 . Actualizado a las 05:15 h.Luís Piñeiro (Boiro, 1983) tomou a finais do pasado mes de novembro o relevo de Daniel Vázquez na presidencia do Club de Remo Cabo da Cruz. Remeiro ata a tempada pasada, e formado na canteira do equipo boirense, agora quere traballar para a entidade que o formou. Piñeiro colgou o remo despois de moitos anos no mar, con experiencia na ACT tanto en Cabo como en Pedreña, do 2010 ao 2014. Agora, decidiu deixar a competición porque «pouco máis podía dar e os obxectivos a curto prazo non eran maiores do que xa tiña feito. O complicado é a constancia de adestrar todos os días».
—Que motivou que optase por presentarse á presidencia?
—Tiña ganas de devolver a Cabo o favor que me fixo a min, a formación que me valeu tanto a nivel de experiencia deportiva como persoal. Quero traballar para o club, e atopeime unha directiva que xa estaba esgotada, porque isto, co tempo, cansa.
—Como afronta o reto?
—Decidinme porque, aínda que non teño experiencia como directivo, o club vai rodado cun director deportivo que leva moitos anos. Daniel Vázquez tamén prestou os seus servizos para o que sexa necesario, así como o resto do seu equipo. Nós tiñamos claro que non podiamos ir a aprender, que necesitabamos ter ese respaldo e axuda. Propúxenme formar unha directiva ampla, aínda que unhas poucas persoas estean máis no día a día, pero para que as pequenas tarefas que vaian xurdindo póidanse repartir. Creo que así tamén búscase a implicación da xente e senten o club como deles.
—Que obxectivos ten marcados?
—No primeiro ano temos que manter o nivel ao que o club está afeito. Tamén temos que vestir a nova instalación e conseguir que o municipio de Boiro sinta que é partícipe do equipo, e que as empresas e as institucións se vexan acollidas. Necesitamos o apoio de todo o mundo. Deportivamente, coidar aos remeiros porque son o principal activo. Na ACT, a traiñeira masculina creo que ten potencial para estar na segunda quenda o mellor posible. A feminina é un equipo de rapazas novas e ten moito mérito e fai moita ilusión.. Tamén iremos a pola galega e a pola bandeira da Deputación e penso que podemos falar de estar na Concha. O noso traballo vai seguir unha liña que continúe o que se estaba facendo.
—Cal é a súa valoración do estado do club?
—Levou moito tempo chegar ata aquí. Creo que é boa, con ao redor de 150 fichas, con categorías base que alimentan ás superiores e bo material para traballar.. Hai Cabo para moito tempo. Agora, a ver se a nova directiva da federación leva adiante a proposta de crear una categoría sub-23, que sirva de transición para os xuvenís, porque agora pasan directamente a sénior, con moita esixencia e pérdense moitos remeiros.
«O noso traballo vai seguir unha liña que continúe o que se estaba facendo»
—A política de Cabo sempre pasou por impulsar a canteira, algo que non cambiará.
—É a nosa identidade. O noso presuposto non e comparable ao que manexan outros clubs e todo son gastos. Non podemos permitirnos fichar porque minaría a saúde do club.
—Esta tempada teñen as dúas traiñeiras na elite, será un reto apaixonante.
—É unha marabilla, aínda que tamén suporá un gran esforzo. Agora mesmo, atreveríame a dicir que somos o segundo mellor club de España en traiñeiras, con dúas en ACT, na galega, os veteranos e o remo de mar. Só Orio está por diante ao ter remo olímpico. Un dos principais obxectivos e conseguir que os remeiros non queiran ir a equipos como Orio, que queiran estar en Cabo.
—Pero antes diso, comezamos cos bateis na auga. Cales son as perspectivas?
—A do club é a mesma que a miña, e creo que debería ser a de calquera. As bases son para crear ante todo deportistas, transmitir os valores de traballar xuntos, en equipo, que entendan a filosofía. Se agora chegan títulos, pois mellor. Pero o importante non é sacar o xugo agora, o obxectivo é formar para que cheguen arriba.
«Temos dous equipos na elite e só en hoteis serán entre 4.000 e 5.000 euros semanais»
Cabo da Cruz ten moito mérito, xa que ademais de ser un club que forma a centos de rapaces, tamén compite contra os equipos máis potentes do país contando con moitos menos recursos, principalmente económicos.
—Como intentan suplir as desvantaxes que teñen ante entidades con máis medios?
—Temos que agradecer o apoio dos patrocinadores, tanto públicos como privados, que se damos un paso máis, van con nós. Pero iso non chega, polo que tamén facemos un chamamento á que a xente para que se faga socia do club ou que pequenas empresas aporten na medida das súas posibilidades. Temos dous equipos na elite dunhas vinte persoas cada un. Só en hoteis, serán entre 4.000 e 5.000 euros por semana, e a isto hai que sumar o aluguer das furgonetas, o combustible, as bandeiras que hai que organizar, renovar material cando toca... Hai que buscar recursos onde sexa.
—O remo é un deporte moi sacrificado, falta recoñecemento?
—É algo que pasa en moitos deportes, porque ningún é fácil a certo nivel. No caso do remo, clubs e federacións conseguiron achegalo máis ao público, ofrecer máis datos e ter máis presenza nos medios. A xente xa opina e está máis sensibilizada. Antes, facías un cuarto ou quinto na ACT e a repercusión era mínima. Agora, cun octavo ou noveno xa te din que moi ben, que hai que seguir pelexando.
—E precísanse máis apoios?
—Vai un pouco na liña do anterior. Cando comezou a ACT os apoios eran os xustos e logo chegou San Miguel e aportou preto dun millón de euros para catro anos, e os patrocinadores de agora non teñen menos nivel. Os medios e o traballo foron a máis, e hai presenza grazas a internet, a publicidade, a prensa, as retransmisións... As empresas e as Administracións públicas ven que o remo ten audiencia e moitas persoas que o segue e apostan e inxectan cartos.