O ano 1985 supuxo un cambio de paradigma na relación entre nós e o noso patrimonio. Se ben antes non era necesario consultalos, actualmente é precisa a autorización previa e vinculante para calquera obra ou instalación ou evento organizado dentro das contornas de protección e amortecemento á Dirección Xeral de Patrimonio para facer obras, tanto públicas como privadas.
Sabemos que os medios cos que conta Cultura —Patrimonio é parte dela— son moi inferiores aos que é dotado o departamento de Turismo —como se fose máis importante gastar nos visitantes que en nós mesmos—, e esa discriminación afecta á súa eficiencia e eficacia.
Sabemos que temos que contar cun tempo para que nos informen antes de pedir licenza, pero tamén o usamos como escusa para os retrasos nas obras —tanto privadas como públicas—, cando moitas veces os retrasos son por propoñer obras contrarias á integración na paisaxe e nas contornas patrimoniais.
Tamén é certo que moitas veces non se entenden as súas decisións, pero o habitual é facerlles lamentables propostas de actuación. Esténdese ás obras públicas, nas que os enxeñeiros non están formados en historia e patrimonio, e os políticos din que houbo que cambiar o proxecto varias veces. Seguramente unha consulta previa abreviaría moitos tropezos posteriores, adaptándose aos criterios internacionais de actuacións no patrimonio, as convencións que interpretan no departamento de Cultura da Xunta. Noutros países, as propostas póñense visibles antes de acometer os proxectos, axilizando as tramitacións. Algún día espertaremos.