Hai cousas que de tanto velas, cheiralas ou sentilas xa nos parecen normais. Por exemplo, cando vemos que arredor dos contedores sempre hai lixo; que os polígonos industriais non poden ser estéticos e limpos ou teñan que constituír un perigo por derrubamentos; que nos pantaláns e nos peiraos dos mariñeiros se amontoen redes vellas e nasas con restos de carnada para alimento de ratas e londras ou que as portas dos bares estean alfombradas con centos de colillas ou cabichas, como vostedes queiran. Todo é cuestión de acostumarse. Mesmo xa deixou de asombrarnos o impacto medioambiental de certas construcións.
—Vaia J.?V., xa estamos co impacto medioambiental! Non sexas tan tiquis miquis.
—Pois non me negarás que, fronte ás túas queixas de limpeza e ecoloxía, o importante son os postos de traballo! Iso é o importante! Se hai traballo, ao medio ambiente que lle dean!
—Non fai falta que berres Antón. Os decibelios altos son un factor de risco para o corazón. Vasnos abrouxar.
—Eu non berro! Falo alto ! Amais, ás tabernas vénse a berrar!
—Como queiras, pero o que eu trato de sinalar son uns feitos que nos prexudican a todos. E se me apuras, van en contra do emprego.
E así seguía unha difícil e alterada conversa ata que, quizais porque algunha persoa directa ou indirectamente relacionada co que se falaba na taberna xa non estaba alí, o amigo Antón que argallaba a berros pola defensa dos postos de traballo ou a saber polo que, baixou o diapasón da súa gorxa. A defensa a berros, xa fora escoitada por quen Antón quería.
Xa que logo, e sen medo aos decibelios, seguín erre que erre coa miña teima, falando de limpeza e seguridade: algún de vos estivo no punto limpo de Ribeira? De non ser así, non vos recomendo que o fagades sen ir ben protexidos e cubertos cun seguro de accidentes. Nese chamado punto limpo, ademais da porcallada, tede coidado cos descarnados barrancos e pendentes de pedra e terra que o delimitan. Seguro que o Santo Alberte, o da capela románica (agora visualmente case tapada), sexa que vela porque non pase nada. E xa que falamos de pendentes e barrancos, suxírovos que, por precaución, nestes días de temporal, non vaiades detrás do moderno tanatorio, nin sequera miredes para os acantilados que están a se facer a carón da estrada camiño do hospital. Unha mágoa que ditas obras, causantes dun impacto paisaxístico irreversible —e a saber se non perigosas— non agarden ao novo polígono que, se non se da feito para o vindeiro ano, para algún destes anos será. Digo eu.
A ver se se escoitan algunhas destas queixas nas tabernas, aínda que haxa que berrar sexa quen fora quen estea alí. Pois non saben ben canta xente dura de orella temos ao noso derredor. Por certo, o amigo Antón, ao ver que ningún dos seus se ía molestar pola crítica, sen berrar, rematou dicindo: Iso si é verdade.